Estás en:Novas

Aberto o prazo de inscrición no obradoiro vencellado ao premio Miguel González Garcés de poesía

As quince prazas dispoñibles poderán solicitarse, de balde, ata o 29 de setembro, nunha inscrición única que valerá para as catro sesións do taller

Na xornada final participarán Pilar Pallarés e Olga Novo, as dúas últimas autoras galegas en ser recoñecidas co Premio Nacional de Poesía, en 2019 e 2020

Aberto o prazo de inscrición no obradoiro vencellado ao premio Miguel González Garcés de poesía

Xa está dispoñible na páxina web da Deputación da Coruña o formulario de inscrición para o obradoiro de lectura 'A tiro de verso. De González Garcés a Olga Novo/Pilar Pallarés', unha iniciativa do departamento provincial de Cultura ao abeiro do premio de poesía que convoca cada ano, o Miguel González Garcés. Os interesados poden anotarse na seguinte ligazón:
https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/garces/inscricion/

As quince prazas dispoñibles poderán solicitarse, de balde, ata o 29 de setembro, nunha inscrición única que valerá para as catro sesións do taller, un espazo lector onde achegarse á poesía galega coordinado pola editorial Apiario.

As catro citas do obradoiro, dirixido a persoas interesadas en aproximarse ou afondar na poesía galega e en adquirir ferramentas para gozar da súa lectura, celebraranse na Biblioteca Provincial os xoves 29 de setembro e 6, 13 e 20 de outubro, ás 19 horas. Na xornada final participarán Pilar Pallarés e Olga Novo, as dúas últimas autoras galegas en ser recoñecidas co Premio Nacional de Poesía, en 2019 e 2020.

"Durante catro sesións", comentan os responsables programa, "o obradoiro será un espazo para achegarse á palabra poética, fornecido de lecturas que abranguen dende a obra de González Garcés ata a poesía última". "Queremos", engaden "atallar os prexuízos co xénero e afondar no acontecemento poético, atendendo a teorías que nos poñan en contacto coas poéticas máis relevantes das últimas décadas". Os participantes recibirán tamén unha listaxe de libros de poesía recomendados por Apiario e exemplares dos últimos premios González Garcés.