Estás en:Novas

Formoso visita o novo centro de día de Aspanaes en Santiago, equipado cunha axuda de 125.000 euros da Deputación

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou o centro, localizado no Monte do Gozo,onde foi recibido por toda a directiva

A entidade provincial colaborou cunha achega de 125.000 euros para que o centro adquirira diverso material informático e de mobiliario de cara á prestación do servizo de atención diúrna que beneficia actualmente a 28 persoas con TEA

"Desde a Deputación temos unha colaboración permanente con Aspanaes e coas entidades sociais que suplementan, complementan e enriquecen o sistema público de protección social", afirmou Formoso.

Formoso visita o novo centro de día de Aspanaes en Santiago, equipado cunha axuda de 125.000 euros da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este luns a sede da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (Aspanaes) en Santiago de Compostela, localizada no Monte do Gozo, que foi dotada de mobiliario a través dunha axuda da administración provincial de 125.000 euros.

O presidente, acompañado da deputada provincial e concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela, Mila Castro, e do concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, foi recibido polo presidente de Aspanaes, Ignacio Labella; a vicepresidenta da entidade e tamén presidenta da Federación Autismo de Galicia, Mercedes Fernández; o xerente de Aspanaes, José Alén; e o director do centro, Francisco Raúl Crespo.

"Desde a Deputación temos unha colaboración permanente con Aspanaes e coas entidades sociais de toda a provincia que suplementan, complementan e enriquecen o sistema público de protección social", explicou Formoso, que afirmou que "a sociedade ve respostas a estas necesidades polo labor dun terceiro sector que, claramente, non fai o sistema público galego", afirmou Formoso.

Pola súa banda, o presidente de Aspanaes, Ignacio Labelle, sinalou que desde a asociación están "encantados" coa visita de Formoso xa que puido ver "o traballo que se está realizando aquí grazas, entre outras cousas, a axuda que nos prestou a Deputación da Coruña".

O xerente de Aspanaes, José Alén, tamén agradeceu a colaboración da Deputación que serviu para dotar de equipamento ao centro e poder seguir traballando coas persoas usuarias "e darlles apoios específicos e especializados".

Material para o servizo de Centro de Día

Durante a visita ás instalacións, a directiva trasladoulle a Formoso o traballo que se realiza no local, que conta cun servizo de atención diúrna, así como as demandas en relación á atención das persoas afectadas polo Trastorno do Espectro Autista (TEA).

Ante a necesidade de facer fronte a todas as peticións, e co obxectivo de prestar un servizo de calidade ás 28 persoas usuarias do centro na actualidade, a Deputación asinou un acordo de colaboración con Aspanaes para dotar ao novo centro de mobiliario como mesas, cadeiras fixas e xiratorias, armarios de diferentes tamaños e outro material destinado a mellorar a habitabilidade do espazo e as súas actividades.

Por outra banda, renováronse materiais na aula de informática a través da compra de ordenadores, proxectores de pantalla, equipos de son e multisensoriais ou impresoras. A sala de terapia ocupacional tamén presenta unha mellor imaxe grazas ao novo mobiliario, ao contedor para residuos, os encerados ou a diverso material para facer exercicios de mobilidade e rehabilitación.

Esta renovación tamén quedou patente no taller e salas de usos múltiples, adquirindo elementos de que facilitarán o traballo das persoas usuarias. Ademais, colocáronse novos elementos nos aseos e na sala de artes plásticas e instalouse unha caseta de xardín fabricada en aceiro.