Estás en:Novas

A Deputación inviste este ano 450.000 euros en bolsas para apoiar proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos de 45 mozas e mozos da provincia

A Deputación financia 20 proxectos de investigación en diversos eidos, que van das ciencias da saúde ás artes e humanidades
As 25 bolsas de estudos artísticos permitirán aos novos talentos coruñeses completar a súa formación en centros de Estados Unidos, Reino Unido, Francia ou Holanda

A Deputación inviste este ano 450.000 euros en bolsas para apoiar proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos de 45 mozas e mozos da provincia

A Deputación da Coruña vén de comunicar a concesión definitiva das súas bolsas de apoio a proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos durante o curso 2022-2023.

Un total de 20 mozas e mozos da provincia da Coruña beneficiaranse das axudas para financiar proxectos de investigación, coas que a Deputación pretende "ofrecer apoio e oportunidades aos novos talentos coruñeses en diferentes da ámbitos investigación que van desde as ciencias da saúde, ás ciencias sociais e xurídicas ou as humanidades", segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que detallou que estas bolsas suman un importe total de 200.000 euros, aos que se suman outros 250.000 € para perfeccionamento de estudos artísticos en centros de fóra de Galicia.

Con estas bolsas, a Deputación da Coruña apoia a 20 persoas con titulación universitaria que desenvolverán no curso 2022-2023, durante un período mínimo de nove meses, proxectos de investigación co campo das artes e humanidades (5), ciencias (4), ciencias da saúde (5), ciencias sociais e xurídicas (4) e enxeñaría e arquitectura (2). Cada bolsa conta cunha achega de 10.000 euros.

O Goberno de Valentín González Formoso incrementou neste mandato tanto o número de bolsas (que pasaron de 40 a 45) como a contía das mesmas, que subiu de 8.000 a 10.000 euros.

25 beneficiarios e beneficiarias das bolsas de perfeccionamento artístico

A deputada de Educación, Sandra González, detallou que, no caso das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, a Deputación dedica este ano 250.000 euros para financiar 25 axudas cunha achega de 10.000 euros cada unha.

A través delas, as persoas beneficiarias recibirán financiamento para custear o gasto derivado da realización de estudos artísticos fóra da comunidade autónoma de Galicia durante o período 2022-2023 nalgunha destas áreas: audiovisual (2 bolsas), danza e artes do movemento (3), ilustración, artes plásticas e visuais (5), música (12) e teatro e interpretación escénica (3).

"Estas bolsas permitirán a alumnos e alumnas coruñesas formarse en centros de Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Países Baixos, Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia", explicou Sandra González, que lembrou que importantes persoeiros do arte como Isaac Díaz Pardo ou Antonio Lago Rivera foron no seu día bolseiros da Deputación.

Os proxectos con bolsa da Deputación poden consultarse na páxina web da institución provincial.

https://www.dacoruna.gal/educacion/bolsas