Estás en:Novas

A Deputación presentará unha marca turística e gastronómica propia para a provincia da Coruña no ‘Galicia Fórum Gastronómico’

O obxectivo é recoñecer e identificar a calidade, sustentabilidade e vinculación co territorio de produtos agroalimentarios, liñas delicatessen e establecementos de restauración da provincia

A presentación da marca realizarase o martes 27, ás 10:30h, no espazo do Fórum dedicado a Talleres

Ademais durante as tres xornadas do Fórum, o stand da Deputación desenvolverá un amplo programa de actividades que inclúen degustacións, showcookings, e catas comentadas de viños e vermús, que porán en valor a singularidade da gastronomía do Eume, do Xeoparque de Ortegal e da Reserva da Biosfera

A Deputación presentará unha marca turística e gastronómica propia para a provincia da Coruña no ‘Galicia Fórum Gastronómico’

Entre o 25 e o 27 de setembro regresa o Fórum Gastronómico á Coruña, un evento que conta co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña e que, tras o parón dos dous últimos anos, volverá a erixirse no escaparate gastronómico do país. Tres días dedicados á gastronomía nos que Turismo da Deputación ofrecerá un programa de actividades no posto institucional para difundir e poñer en valor a singularidade dos produtos e da cociña de tres territorios da provincia: a Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, o Xeoparque de Cabo Ortegal e o Eume. Ademais, na xornada do martes, ás 10:30h, o vicepresidente e deputado de Turismo presentará a marca turística e gastronómica coa que a Deputación identificará de produtos agroalimentarios, liñas delicatessen e establecementos de restauración da provincia que apliquen parámetros de calidade e sustentabilidade.

Desde xeito, o departamento provincial de Turismo continúa coa súa aposta por vincular a promoción turística coa gastronomía de calidade e sustentable, co obxecto de dirixirse a un tipo de visitante, tanto galego como estatal, que busca e aprecia as particularidades culturais dos lugares que visita. "Durante os últimos anos estamos realizando un tipo de promoción turística baseada na gastronomía ligada ao territorio, que xunta tradición e innovación, que pon en valor a economía circular e amosa a profesionalidade dos cociñeiros e cociñeiras que traballan nesta liña", asegura Xosé Regueira. O vicepresidente asegura que "é unha promoción que sabemos que funciona para atraer un tipo de turismo de calidade, visitantes que buscan produtos e experiencias que sexan xenuínas, que non van poder atopar noutro lugar, e que ademais sexan social e economicamente sustentables, nos que a produción de proximidade é fundamental para dar resposta a grandes retos como o cambio climático e a ecoloxía".

Os tres territorios da provincia cuxa gastronomía estará representada no stand provincial correspóndense coas dúas comarcas incluídas nos Plans de Desenvolvemento Turístico en Destino, como son o Eume e Ortegal, e coa que conta cun distintivo de calidade que recoñece os produtos agroalimentarios producidos con estándares de calidade e sustentabilidade, como é o caso da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O programa incluirá degustacións, catas comentadas de viños e vermús e un showcooking diario.

Así, representando a produción agroalimentaria e gastronomía de Cabo Ortegal estarán presentes produtos de Conservas La Pureza, as Maruxas de Nata, Lácteos o Casal, algas Mar de Ardora, e zumes ecolóxicos e lácteos de Moeche. Tamén se inclúe un showcooking a cargo do cociñeiro Cristian Santiago do Restaurante Marea de Cariño. Mentres, o territorio do Eume estará presente no Fórum a través dunha degustación de requeixo de Campo Capela con mel da Casa do Mel de Goente, e dun showcooking a cargo do cociñeiro Antonio Díaz Calvo de Gastrofood Autga. A Reserva da Biosfera achegará dous showcookings: un cargo de Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A artesa da Moza Crecha de Betanzos, e outro a cargo de Christian Vadell do restaurante Brasa de Beche de Abegondo. Ademais durante os tres días realizaranse catas de viños comentadas sobre diferentes producións vitícolas da IXP Viño da Terra de Betanzos. O programa tamén inclúe unha degustación sobre viños da IXP Barbanza e Iria e unha degustación diaria de vermú galego.