Estás en:Novas

Antonio Leira destaca a importancia do “apoio ás entidades sociais” na loita contra a SIDA

O deputado participou hoxe no Teatro Colón da Coruña na inauguración do X Congreso Anual de SOGAISIDA

"Non podemos baixar a garda, debemos afrontar os retos que se nos presentan, como o fomento da prevención e a importancia de lograr un diagnóstico precoz", salientou

O acto incluíu unha homenaxe ao doutor Pedreira Andrade, antigo xefe da unidade de SIDA do CHUAC, falecido o pasado maio

Antonio Leira destaca a importancia do “apoio ás entidades sociais” na loita contra a SIDA

O deputado de Facenda, Antonio Leira, participou hoxe, venres 30 de setembro, no Teatro Colón da Coruña na inauguración do X Congreso anual da Sociedad Gallega Interdisciplinaria del SIDA (SOGAISIDA) e destacou a importancia "do apoio ás entidades sociais" por parte das administracións xa que "hai lugares aos que non podemos chegar, hai necesidades que non podemos cubrir, e elas si o fan, por iso debemos estar ao seu carón".

Durante o acto dedicouse unha homenaxe ao doutor Domingo Pedreira Andrade, antigo xefe da Unidade da SIDA do CHUAC, falecido o pasado mes de maio, do que Leira destacou que "era toda unha referencia a nivel nacional". "No ano 1981 foi testemuña no Hospital Valld'Hebrón do primeiro diagnóstico dun caso de sida en España e dedicou gran parte da súa vida e da súa carreira ao estudo e tratamento da enfermidade, sendo partícipe da súa evolución e das melloras que se viviron nos últimos 40 anos", afirmou.

Antonio Leira fixo referencia tamén ao convenio que a Deputación da Coruña mantén desde "hai moitos anos" co Comité Antisida da Coruña (CASCO) para o mantemento das súas vivendas da cidade, cofinanciando os gastos do persoal dunha vivenda de acollida e outras de inserción. "Este é un programa único na provincia e case en Galicia, só hai un similar en Ourense. CASCO desenvolve un labor esencial, ofrecendo ás persoas residentes vivenda, alimentación, roupa, medicación, e atención individualizada a nivel psicolóxico, xurídico social e médico", afirmou.

Sobre a evolución vivida no tratamento da enfermidade desde a súa aparición nos anos 80 o deputado salientou que "o número de diagnosticados baixou, e máis durante a pandemia da COVID-19 que todo o copou, pero nós, como sociedade, non debemos baixar a garda" e por iso "tanto desde as administracións como desde as entidades sociais, debemos afrontar outros retos que se nos presentan, como o fomento da prevención, a importancia de lograr un diagnóstico precoz e a aposta por seguir mellorando a calidade de vida dos pacientes".

Dúas xornadas con relatores de prestixio

O X Congreso anual da Sociedad Gallega Interdisciplinaria del SIDA (SOGAISIDA) celebrarase durante a xornada de hoxe, venres 30 de setembro, e mañá, sábado 1 de outubro, na cidade da Coruña. As investigación sobre o VIH en Galicia e a vacina, o estigma que aínda pervive e a profilaxe son cuestións que deben abordar os profesionais en diferentes mesas de debate con relatores de prestixio.