Estás en:Novas

A Deputación financia os dous proxectos que desenvolve a clínica xurídica ‘Xustiza Social’ da UDC para este curso

A deputada Ana Lamas e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe o convenio polo que o ente provincial achegará 16.000 euros, o 80% do orzamento

A través desta actividade, os estudantes da Facultade de Dereito están a levar a cabo unha intervención directa con usuarios e usuarias de Cáritas e con internos do C.P. Teixeiro

A Deputación financia os dous proxectos que desenvolve a clínica xurídica ‘Xustiza Social’ da UDC para este curso

A Deputación da Coruña destina 16.000 euros para financiar os dous proxectos que desenvolve durante este curso a clínica xurídica 'Xustiza Social' impulsada pola Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC).

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o reitor da UDC, Julio Abalde, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial aporta 16.000 euros, un 80% do total do orzamento que a universidade destina a esta actividade.

A clínica xurídica 'Xustiza Social' da UDC, un proxecto que comezou no curso 2017-2018, está orientada a facilitar aos estudantes a realización de prácticas que atendan a casos reais e, ao tempo que contribúen á súa formación, proporcionan un beneficio a colectivos vulnerables. Deste xeito, o alumnado complementa a súa formación xurídica práctica e, á vez, actúa activamente para mellorar as respostas que desde o ámbito concreto do Dereito poden darse a aquelas necesidades reais da súa contorna social.

Así, os 10 alumnos e alumnas que forman parte desta actividade, participarán en dous proxectos: unha intervención directa con usuarios e usuarias de Cáritas e unhas xornadas coas persoas internas do Centro Penitenciario de Teixeiro.

No Proxecto Cáritas os estudantes farán unha intervención directa en familias en risco de exclusión social. Terán que analizar a situación real das persoas e as posibilidades de mellora en distintos campos, sempre desde a perspectiva xurídica. Estudarán os requisitos esixidos para acceder ás axudas sociais de carácter local, autonómico ou estatal e ás prestacións que se axuste ás necesidades detectadas; orientarán ás familias; remitiranas ás institucións e organismos competentes; e examinarán a situación xurídica doutros aspectos que puidesen resultar descoñecidos ou complicados para a unidade familiar.

No Proxecto C.P. Teixeiro o alumnado participante preparará unhas sesións para os usuarios e as usuarias internas, en dous ámbitos: a seguridade viaria e as relacións parterno-filiais. En primeiro lugar, impartirán clases con nocións teóricas sobre os temas indicados e, posteriormente, orientarán de xeito individualizado aos internos que o soliciten.

Lamas destacou a "importancia de que a universidade leve a cabo este tipo de proxectos, que permiten aos alumnos e alumnas aplicar á vida real e a casos concretos que se poden atopar no día a día, máis nun tema como o ámbito social, os coñecementos adquiridos nas aulas".

Pola súa parte, Julio Abalde agradeceu o apoio provincial e fixo referencia a que "desde que iniciamos a clínica xurídica 'Xustiza Social' o traballo feito polos estudantes tivo unha cualificación media de sobresaínte" e xustificou a necesidade deste convenio xa que "este ano incorporamos á actividade habitual o novo proxecto en colaboración co Centro Penitenciario de Teixeiro, o que supón un aumento do traballo e fai necesaria unha organización máis estable".