Estás en:Novas

A Deputación da Coruña informa aos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal do seu plan antifraude para xestionar os fondos Next Generation

Ortigueira acolleu hoxe a primeira das xornadas informativas sobre o plan PREMADECOR

Ana Lamas destaca "a importancia de reforzar a transparencia e os mecanismos de bo goberno" na xestión dos fondos europeos "unha oportunidade histórica" para impulsar a reactivación económica,

A deputada subliña a instalación do centro NEXT-Deputación na Capela, a primeira oficina de Galicia que ofrece apoio técnico aos concellos para a captación dos fondos europeos

A Deputación da Coruña informa aos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal  do seu plan antifraude para xestionar os fondos Next Generation

A Casa da Cultura de Ortigueira colleu hoxe a primeira das catro xornadas informativas que a Deputación da Coruña, en colaboración co Consello de Contas de Galicia, organiza en diferentes concellos da provincia para dar a coñecer o Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (PREMADECOR), que ten o obxectivo principal de garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation.

A xornada foi inaugurada pola deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego, o interventor adxunto da Deputación, Juan Bautista Suárez e o xefe do servizo de Patrimonio e Contratación da institución provincial, Luis Jaime Rodríguez.

Ana Lamas destacou a importancia de "reforzar a prevención do fraude, a transparencia e os mecanismos de bo goberno" na xestión dos fondos europeos, "unha oportunidade histórica" para impulsar a reactivación económica.

Neste sentido, apuntou que a Deputación da Coruña sitúase "á vangarda na posta en marcha de medidas orientadas a favorecer a captación de fondos europeos na provincia", como a oficina NEXT Deputación da Capela, a primeira de Galicia que ofrece apoio técnico aos concellos coruñeses neste eido, ou este novo plan antifraude "que xogará un papel fundamental para garantir que estes fondos Next Generation se usen de conformidade coas normas aplicables, en concreto no que se refire á prevención, detección e corrección do fraude e á corrupción e o conflito de intereses", afirmou Lamas.

A xornada de hoxe conta con catro relatorios: 'Fomento de marcos de integridade pública na xestión NGEU e o papel de colaboración do Consello de Contas coas entidades locais de Galicia', impartido polo conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar; 'Os procedementos de contratación para a xestión dos fondos NGEU: especialidades e cláusulas a introducir no prego de cláusulas administrativas particulares', impartido polo xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación, Luís Jaime Rodríguez; 'O canle de bo goberno e denuncias. Comentarios ao anteproxecto de Lei de protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de protección contra a corrupción', co oficial maior da Deputación, Miguel Iglesias, como relator; e, por último, 'O Plan PREMADECOR da Deputación da Coruña: medidas preventivas, de detección, correctivas e de persecución. A instrución dos procedementos de reintegro e sancionadores', impartida polo interventor adxunto da institución provincial, Juan Bautista Suárez.

Tras a xornada de hoxe en Ortigueira, as sesións formativas continuarán o mércores 26 de outubro na Casa da Cultura de Teixeiro (Curtis) para os municipios dos partidos xudiciais da Coruña e Betanzos, o martes 22 de novembro no Auditorio de Baio (Zas) para os concellos dos partidos xudiciais de Carballo e Corcubión, e rematará o martes 29 de novembro en Lousame para os concellos dos partidos xudiciais de Santiago e Noia.

O Plan PREMADECOR

Coa aplicación do Plan PREMADECOR a Deputación comprométese a reforzar unhas prácticas en todos os seus estamentos que non deixen ningunha marxe de actuación a condutas irregulares, corruptas ou fraudulentas e que, en tal caso, estes se detecten e se recobren para o erario público os fondos mal aplicados no prazo máis breve posible.

A posta en funcionamento dos mecanismos antifraude teñen como finalidade principal a protección dos fondos europeos que se canalizan a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que serán cruciais para o desenvolvemento de proxectos que melloren a vida dos cidadáns e os servizos dos que dispoñen nos diferentes territorios.

A eficacia e plena aplicación deste plan conseguirase coa creación do Comité antifraude da Deputación da Coruña (CADECOR), que terá a función de avaliar e mellorar de xeito continúo as medidas preventivas, detectar posibles incumprimentos e levar a cabo procedementos de natureza correctora.

Unha ferramenta posta a disposición dos concellos coruñeses

A Deputación, consciente de que este tipo de plans serán de obrigada e intensa aplicación no caso de recibir fondos europeos, pon o PREMADECOR a disposición de todos os concellos da provincia que desexen adherirse, establecendo distintos niveis de participación.

O primeiro nivel, que se oferta a todos os concellos da provincia sen excepción, só implica a adhesión ao plan pero, unha vez aprobado, será de exclusiva competencia municipal.

No segundo grao, que poderá acordarse cos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais da adhesión poderase encomendar á administración provincial a xestión das funcións de avaliación de riscos.

Por último, no terceiro nivel, tamén ofertado aos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais do acordo de adhesión poderase delegar a prol da Deputación as funcións de avaliación de riscos, a utilización da canle de bo goberno e denuncias, a análise e seguimento do plan e mesmo a tramitación e resolución dos expedientes.