Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Betanzos invisten 220.000 euros para recuperar espazos públicos para a veciñanza

Vaise recuperar a área recreativa no barrio da Condesa, mellorar a accesibilidade na praza Enrique Riego e acondicionaranse 68 hortos urbanos na rúa Concepción Arenal

A Deputación e o Concello de Betanzos invisten 220.000 euros para recuperar espazos públicos para a veciñanza

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral, asinaron un convenio de colaboración para cofinanciar varias obras de recuperación de espazos públicos no municipio. O orzamento total das actuacións ascende a 219.947 euros, dos que o ente provincial achega 175.958 euros, un 80 % do total.

O proxecto establece as obras necesarias para ordenar os diferentes espazos, instalar mobiliario urbano e realizar actuacións de mellora da accesibilidade da praza Enrique Riego, recuperación e posta en valor da área recreativa do barrio da Condesa e acondicionamento de hortos urbanos na rúa Concepción Arenal.

Formoso e Barral destacaron a importancia da colaboración institucional para facer posibles estas actuacións de recuperación e humanización de diferentes espazos públicos para a veciñanza.

Na área recreativa do barrio da Condesa o obxectivo é recuperar un espazo que co paso do tempo se foi degradando e "que debe de ser aproveitado polos veciños de Betanzos en xeral e os da Condesa en particular, dotándoo de mobiliario urbano e dun espazo acorde para o esparexemento", segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

O proxecto incluirá a limpeza de toda a zona e a creación dun novo carreiro peonil. Contará con bancos e mesas, ademais de novas especies arbóreas. Nesa mesma zona, hoxe en día, existen tuias, plantadas hai anos, que serán pinchadas na parte central da parcela. Na zona norte, onde tamén existen estas árbores, podaranse para formar un sebe que servirá de pantalla sonora do tráfico da N-VI.

Na praza de Enrique Riego procederase a reparar os pavimentos, habilitar a zona central para xogos con pelota, acondicionarase unha zona da praza para xogos infantís tradicionais pintados no pavimento e, ademais, dotarase a zona das infraestruturas necesarias para equipar a praza de elementos de seguridade e decorativos que humanicen a localización.

Esta actuación incluirá a reparación de pavimento e a creación dun pequeno circuíto para bicicleta dirixido aos nenos con firme adecuado para patinar ou para percorrelo en cadeira de rodas, con sinais de tráfico en todo o percorrido. Colocaranse varandas en escaleiras e ramplas, e xardineiras de árbores de loureiro ademais de mellorar as bancadas de formigón da praza. O obxectivo último é humanizar toda a superficie da urbanización.

Hortos urbanos

Nos hortos da rúa Concepción Arenal vaise acometer unha roza e limpeza dos terreos, demolerase o pavimento da vía existente na parcela e procederase a realizar un movemento de terras para deixar o terreo perfilado. Posteriormente enterrarase unha acometida para o abastecemento de auga e acondicionarase a parcela para poder incluír as estruturas precisas para crear os hortos.

O proxecto servirá para "ofrecerlles aos veciños a posibilidade de contar cunha pequena parcela na que poidan plantar ou sementar o que queiran; e por outra banda, recuperar e rexenerar a zona", explicou a alcaldesa.

O proxecto de hortos urbanos incluirá a recuperación da parte alta dos terreos municipais de Bellavista, é dicir, unha parcela anexa ao centro de formación ocupacional que antigamente ocupaba o invernadoiro municipal e que, despois, co paso do tempo, converteuse nun espazo para depositar materiais de forma provisional de obras municipais.

O proxecto albergará un total de 68 hortos urbanos, divididos en camiños peonís, e en cada un deles haberá un armario de madeira para almacén, e na parcela unha zona de compostaxe para uso xeral con composteiros. Tamén se instalarán tomas para rega e delimitarase o chan de cada parcela.

Nestas parcelas poderán realizarse plantacións agrícolas con métodos de cultivos ecolóxicos onde se combinan as funcións produtivas asociadas ao consumo familiar con finalidades sociais e ambientais, "as cales albergan un enorme potencial para desenvolver iniciativas de participación cidadá".