Estás en:Novas

A Deputación organiza un foro sobre os incendios forestais en Galicia

O evento, que estará conducido polo xornalista Manuel Campo Vidal, terá lugar o martes 13 de decembro no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de Culleredo

Haberá diferentes relatorios nos que se abordará a importancia da despoboación, darase voz a territorios afectados polos lumes, falarase das posibles solucións ao problema dos lumes e do papel dos medios

A Deputación organiza un foro sobre os incendios forestais en Galicia

A Deputación da Coruña organiza, xunto con Next Educación e a European Climate Fundation, o foro 'La lacra de los incendios forestales', que terá lugar o próximo martes, 13 de decembro, no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Concello de Culleredo. A xornada estará conducida polo xornalista Manuel Campo Vidal.

O evento comezará ás 9:30 horas e a inauguración correrá a cargo do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; do alcalde de Culleredo e deputado de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo; e do director da Cátedra de Despoblación y Reto Demográfico de Next Education, Manuel Campo Vidal.

A programación inclúe diferentes relatorios, o primeiro será sobre a importancia da transición ecolóxica para loitar contra os incendios e correrá a cargo do enxeñeiro de Montes, Juan Picos. Tamén se dará voz aos territorios afectados por vagas de lumes deste verán, como Boiro e o Barco de Valdeorras, coas intervencións dos seus alcaldes, José Ramón Romero e Alfredo García, acompañados dun representante da ASC Bombeiros de Galicia e dunha asociación veciñal.

Falarase das posibles solucións e da importancia da prevención e da loita contra o despoboamento fronte ao lume, cun coloquio no que participarán representantes dos principais medios de comunicación galegos.

A xornada pecharase analizando o papel das institucións, que defenderán representantes das catro deputacións galegas.

Máis información e inscrición: 
https://formacion.nexteducacion.com/foros_de_debate/la-lacra-de-los-incendios-forestales/