Estás en:Novas

Os boirenses Mallou, banda gañadora do XIV Premio Narf

A votación do xurado puxo en segundo lugar aos vigueses Noar e en terceiro a Madalena Gamalho

Os boirenses Mallou, banda gañadora do XIV Premio Narf

Mallou é a banda gañadora do XIV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. O ditame do xurado premiou o grupo Mallou nunha gala final na que Noar rematou segundo e Madalena Gamalho terceira. Alén das actuacións a concurso tamén participou como banda convidada Berto nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo, e houbo unha actuación especial da man de Pepe Sendón e Suso Alonso, compañeiros de viaxe artística de Fran Pérez, que interpretaron un tema dedicado a el.

MALLOU son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou "a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas". Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega. Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.

O xurado elixiu os finalistas entre máis das trinta propostas recibidas. Está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais do xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo (tamén xestora cultural); e a representante e xestora cultural Inés Portela.

O evento puido seguirse en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña. O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.