Estás en:Novas

O sector escénico galego analiza os seus retos de futuro na última xornada ‘A Cultura é un Dereito’ deste exercicio

"XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico galego", que está a celebrarse no Pazo da Cultura de Carballo, está organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas

Participan asociacións profesionais do sector escénico de Asturias, Madrid e Catalunya, de asociacións profesionais doutros sectores como o audiovisual, a música, o libro ou a xestión cultural, de empresas pratrocinadoras e das catro deptudacións provinciais

O sector escénico galego analiza os seus retos de futuro na última xornada ‘A Cultura é un Dereito’ deste exercicio

Baixo a epígrafe "XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixes vertebradores do sector escénico galego", estase a celebrar durante o día de hoxe, no Pazo da Cultura de Carballo, a última xornada deste exercicio do programa 'A Cultura é un Dereito'. Organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración con Escena Galega e comisariada por Diego Meizoso, foi inaugurada polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, polo concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, e polo presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou ademais na primeira das mesas redondas da xornada, baixo o título "A circulación escénica en Galicia. Posibilidades de mellora e artellamento de accións combinadas para contextos non urbanos", na que tamén interviron a vicepresidenta da Deptudación de Lugo, Maite Ferreiro, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, a deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres, e na que actuou como moderadora Eva Alonso da xunta directiva de Escena Galega.

Durante a súa intervención, Xurxo Couto aproveitou para poñer en valor a Rede Cultural da Deputación da Coruña, a través da que se programan artes escénicas, audiovisual e música practicamente en todos os concellos da provincia, agás nas tres cidades. O deputado lembrou que a través deste programa se destinan uns 2 millóns de euros anuais a cofinanciar a programación dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, contabilizando ao redor de 2500 actuacións ao ano e "dando lugar a un espazo de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega". Xurxo Couto tamén puxo enriba da mesa a necesidade de "contar cun organismo coordinador dos axentes institucionais, que repercuta no fortalecemento das programacións, na simplificación do mapa de axudas e subvencións e no desenvolvemento de estratexias comúns de creación de públicos". Indicou, así mesmo que "a colaboración entre administracións pode darse en moitos ámbitos" e puxo como exemplo que "sería interesante que o premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, que premia un texto dramático e financia a súa montaxe como espectáculo, puidese presentarse na feira do teatro ou garantir un itinerario mínimo de funcións nas sete cidades e principais festivais, como Carballo ou Ribadavia".

O programa da xornada aborda outros temas como as posibles estratexias entre o sector creativo e o empresarial-produtivo ou xeitos de traballar sobre as propostas de acción entre concellos pequenos que poidan reforzar a súa acción cultural de cara á cidadanía. Tamén pon o foco sobre as asociacións profesionais, entendendo estes colectivos como parte fundamental do desenvolvemento e do sostemento do sector cultural galego, debatendo con compañeiras e compañeiros de Madrid, Cataluña e Asturias, ou combinadamente con outros sectores como o do libro, o audiovisual, a música ou a xestión cultural.