Estás en:Novas

Cinco grupos musicais optan este venres ao premio Fran Pérez “Narf” da Deputación da Coruña

Cintadhesiva, Igmig, Mounqup, Pardo e Samarúas son as cinco bandas finalistas que optan á novena edición do concurso musical da Deputación da Coruña que leva por vez primeira o nome do músico Fran Pérez "Narf". O concerto final en que se decidirá o grupo gañador terá lugar este venres 15 de setembro ás 20 horas na sala Malatesta de Santiago e contará con A banda da loba como grupo convidado. As entradas –de balde até completar a capacidade- pódense recoller na tenda Reixa e na propia sala.

Cinco grupos musicais optan este venres ao premio Fran Pérez “Narf” da Deputación da Coruña

Cintadhesiva, Igmig, Mounqup, Pardo e Samarúas son as cinco bandas finalistas que optan á novena edición do concurso musical da Deputación da Coruña que leva por vez primeira o nome do músico Fran Pérez "Narf". O concerto final en que se decidirá o grupo gañador terá lugar este venres 15 de setembro ás 20 horas na sala Malatesta de Santiago e contará con A banda da loba como grupo convidado. As entradas –de balde até completar a capacidade- pódense recoller na tenda Reixa e na propia sala.

Un xurado composto por MJ Pérez, Uxía, Aída Saco, Sergio Tannus e Ánxela Baltar -do grupo Bala, gañador da anterior edición- presidido pola vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, decidirá este venres a banda gañadora do IX Certame Musical Fran Pérez Narf entre as finalistas Cintaadhesiva, Igmig, Mounqup, Pardo e Samarúas.

O xurado reunirase para decidir a gañadora despois da actuación ao vivo das cinco bandas finalistas, nun concerto ao que se pode asistir de balde até completar a capacidade da sala Malatesta de Santiago, o espazo que ocupaba anteriormente a Sala Nasa tan vinculada a Fran Pérez, Narf.

"Será tamén unha homenaxe a Narf, un artista que abriu camiños para a renovación que cadra con este premio que busca recoñecer a música emerxente en calquera dos estilos", sinala a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

O músico Fran Pérez "Narf" dá por vez primeira nome ao concurso para Grupos e Artistas Musicais da Área de Cultura da Deputación da Coruña. Os premios consisten en 3.000 € para o primeiro clasificado, 2.000 para o segundo, 1.500 para o terceiro e 1.000 para o cuarto e quinto.

Grupos Finalistas

Cintaadhesiva

Conxuga diversas disciplinas como as artes escénicas, a poesía, a música e a videoarte. Ten como base os ámbitos literario e musical, xa que se trata do proxecto orixinal da escritora Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada.

Unha parte importante do conxunto son os textos poéticos integrados na música (non acompañados pola música) O espectáculo intercala tamén temas cantados de creación propia. Cintaadhesiva podería inserirse no xénero recentemente incorporado "e-poesía" poesía con música electrónica, xa que a electrónica é a base principal das composicións de Jesús Andrés, con reminiscencias do post-rock, dream-pop, ambient...

IGMIG

Podería ser un vocablo alemán de complicada pronuncia, pero IGMIG é un trío musical vigués de difícil clasificación. Fundado por (Ig)nacio Muñoz (Mercedes Peón, Budiño) na voz e teclados , e (Mig)uel Seoane (Budiño) na voz e guitarra, IGMIG comeza como dúo experimental alá polo 2001, ata que, anos mais tarde, entra en escena Suso Feixón (A Roda) e a súa percusión. Pospunk, rock progresivo, electrónica, música clásica do século XX e unha posta en escena teatral e eufórica definen a este trío, parte do colectivo musical La Metamovida. Despois do seu primeiro traballo, Shaishakarraskaishe (2014) os IGMIG voltan con Aí que lío! (2017), fieis á súa mestura de rock, electrónica, música contemporánea e world music.

MounQup

MounQup é un proxecto da cantante francesa Camille Hédouin domiciliada nunha aldea case abandonada de Ourense dende 2011. Despois de proxectos musicais moi diversos de folk, jazz, metal, lírico, electrónico, MounQup xurdiu en 2012 como "unha necesidade na soidade do bosque". Coas influencias de The Knife, Animal Collective, Björk, ou CocoRosie, MounQup ofrece un universo musical onde as bases electrónicas mistúranse sutilmente con multitudes de voces, a veces anxélicas, a veces contundentes e potentes. O seu primeiro disco "Proba de Son" naceu co selo ourensán Molho.

Pardo

Tras formar parte de bandas como The Allnight Workers ou The loveless Cousins, Néstor Pardo decide emprender en solitario o seu proxecto máis persoal; PARDO baseado nas súas dispares influencias entre o early Jazz, o folk americano, o blues e as músicas de raíz. Tras un primeiro disco gravado unicamente con voz e guitarra "Waitin'To the other side", o músico e compositor coruñés decide rodearse dunha banda formada por batería e contrabaixo para o seu segundo disco "Let it stay" á que sumará o piano no seu último traballo "Siento no haber sido lo esperado".

Samarúas

SAMARÚAS achegan un folk fresco con personalidade propia. Veñen da canteira da música tradicional que recrean e presentan un proxecto integrado por gaita e saxo, percusións, voz, acordeón, violín, guitarra e batería. Un novo son que xurde das inquedanzas musicais e que se presenta en 2013. Gañadores do QueroStar no Son do Barbansa 2014 e 2º premio no Certame MúsicaXove 2014 na Sala Capitol, tocaron en festivais coma o FAM, Asalto ao Castelo, Folk Catalmibre, Festa Galega ou as Bodas de Isabel (Teruel) e colaboraron con eles grandes músicos como Kepa Junkera, Brais Maceiras ou José Catoira. Gravaron co produtor e músico Fernando Barroso e Tomás Ageitos (Estudio A Ponte, Teo). Tamén en Fundación SGAE Noroeste e BonhamStudios, ademais de presentar en xaneiro de 2017 o seu primeiro videoclip "NON" dirixido por Marcos Martínez e María Guitierrez (Mnweb) arredor dun poema de Celso Emilio Ferreiro.