Estás en:Novas

A Deputación da Coruña suma o seu apoio á mobilización cidadá convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela o 12 de febreiro

O pleno aproba unha moción instando á Xunta a aumentar o persoal e o orzamento na Atención Primaria ante o grave problema asistencial en Galicia

A comunidade perdeu un milleiro de profesionais sanitarios na última década e reduciu o seu orzamento en 140 millóns de euros

A Deputación da Coruña suma o seu apoio á mobilización cidadá convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela o 12 de febreiro

A Deputación da Coruña suma o seu apoio á mobilización cidadá convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela o vindeiro 12 de febreiro.

Así se recolle no texto da moción presentada polos grupos do PSdeG-PSOE e do BNG, e aprobada co voto favorable de todos os grupos agás o Partido Popular, no que se expón "a preocupación da cidadanía ao comprobar como un elemento fundamental do seu benestar, como é o sistema sanitario, está a evidenciar debilidades xeradas por unha xestión errática e unha visible desatención".

Coa aprobación da moción, a Deputación da Coruña insta tamén á Xunta de Galicia "a mellorar o deficiente sistema asistencial na Atención Primaria, que nos últimos anos (desde o 2009) reduciu o seu orzamento en 140 millóns de euros e perdeu un milleiro de profesionais sanitarios".

A Deputación compromete tamén impulsar a axuda para a recollida de sinaturas que promovan a presentación dunha iniciativa lexislativa popular ILP para a mellora da atención primaria que fomenta SOS Sanidade Pública.

No texto aprobado hoxe apúntase que os recortes levados a cabo na última década que "repercuten agora nun sistema saturado que acumula atrasos e demoras na súa capacidade asistencial e que, ademais, se ve agravado pola precarización do propio persoal, que arrastra o gran labor que tivo que facer durante a pandemia".

Por outra banda, a moción sinala que as condicións laborais dos sanitarios, unhas das peores de todo o Estado, provoca que os profesionais en formación eviten a Atención Primaria por mor desta nefasta situación.

No texto afírmase que a actual situación na Atención Primaria provoca problemas de saturacións nas urxencias hospitalarias. E tamén sucede nos PACs e nos hospitais comarcais, que perderon, apunta a moción, capacidade de autoxestión e hoxe ven como perden profesionais ou dotacións e servizos. "De feito existen centros sanitarios cunha dotación insuficiente de ambulancias para cubrir o todo o territorio, alimentando a existencia dun sistema sanitario a diferentes velocidades en función de onde vivan as persoas".

"Os sanitarios do sistema de saúde amosan a diario as súas discrepancias sobre a xestión que fai o Goberno galego e que se está a traducir en dimisións constantes, como a recente do presidente do Consello Galego do Colexios Médicos por considerar que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia non tiña interese en resolver a súa situación nin de atender a ningún diálogo", afirma o texto.