Estás en:Novas

A Deputación destina máis de 2,1 millóns de euros para a conservación de estradas provinciais na comarca de Santiago

As actuacións están enmarcadas no Plan de Conservación de Vías Provinciais, que conta cunha partida orzamentaria de máis de 10 millóns de euros

A Deputación destina máis de 2,1 millóns de euros para a conservación de estradas provinciais na comarca de Santiago

A Deputación vai destinar, neste ano 2023, 2.144.151 euros para realizar obras de conservación de estradas provinciais na comarca de Santiago, pertencentes ao Plan de Conservación de Vías Pronvinciais, que conta cunha partida orzamentaria de máis de 10 millóns de euros na súa primeira fase.

O plan contempla a execución de traballos de mantemento, reparación do firme e pavimentación de estradas da rede viaria da Deputación, destinadas a mellorar as condicións de circulación, aumentar a seguridade viaria e reducir a súa perigosidade.

A maior parte dos investimentos destinaranse á renovación de firmes e capas de rodadura, así como á renovación da sinalización vertical e horizontal, mentres que a apertura e limpeza de cunetas e a instalación de defensas viais ou obras de drenaxe, supoñen arredor do 15% dos investimentos.

Na comarca de Santiago, as actuacións divídense en oito proxectos diferentes.

Nos concellos de Frades, Oroso, Ordes e O Pino realizarase un investimento de 235.473 euros; nos municipios de Boimorto, Mesía e Vilasantar achegarase 262.884 euros; ás obras de Melide, Santiso, Sobrado e Toques dedicaranse 401.758 euros; nos municipios de Arzúa, Boqueixón O Pino e Touro o investimento será de 225.136 euros; en Ames, A Baña, Negreira e Val do Dubra achegaranse 284.120 euros; 398.196 irán para Ordes, Santiago, Trazo e Tordoia e Ames, Santiago, Teo e Vedra recibirán 252.129 euros.