Estás en:Novas

A Deputación ampliará a plataforma da ponte sobre o río Tambre entre Negreira e Brión e construirá un acceso peonil

Formoso reuniuse cos alcaldes de Brión e Negreira para elixir a mellor solución ás limitacións da ponte actual, que conta con só 3,5 metros de ancho non permite a circulación nos dous sentidos e ten unha limitación de peso de 16 toneladas

O proxecto encargado pola Deputación estima o investimento de execución material das obras en 1,5 millóns de euros

A Deputación ampliará a plataforma da ponte sobre o río Tambre entre Negreira e Brión e construirá un acceso peonil

A Deputación da Coruña elevará e ampliará a plataforma da ponte da estrada provincial DP 1302 sobre o río Tambre que conecta os municipios de Negreira e Brión e dotará o viaduto dun novo acceso peonil seguro, unhas obras que suporán un investimento de execución material de arredor de 1,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria na zona.

Así o decidiron esta mañá o presidente, Valentín González Formoso, e os alcaldes de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e Negreira, Manuel Angel Leis, nunha reunión cos técnicos do servizo de Vías e Obras para seleccionar cal das distintas opcións expostas no estudo técnico previo realizado sería a máis viable técnica e economicamente para mellorar a seguridade garantindo o tráfico simultáneo nos dous sentidos de circulación, algo que agora non se pode facer, dado que a ponte actual conta cun ancho útil de apenas 3,50 metros.

A este problema súmase  a limitación do peso autorizado a 16 toneladas, o que prexudica gravemente o sector do transporte e o agrícola de ambos os dous concellos, segundo afirman os alcaldes, que explicaron que os camións, vehículos pesados ou os tractores vense na obriga de dar rodeos de ata 20 quilómetros.

Solución prevista

Para arranxar estas eivas, en primeiro lugar, a Deputación realizará un estudo das características estruturais da ponte, co obxectivo de garantir que a subestrutura actual soporte a actuación prevista, que consistirá na instalación dunha nova plataforma, máis ancha e elevada que a actual.

A anchura total establecida do novo taboleiro da ponte será de 9,80 metros, con carrís en ambos sentidos de 3 metros, beiravías de 0,50 metros, beirarrúa de 1,50 metros e espazos para barreiras de 0,65 metros.

Ademáis de permitir o tráfico seguro nos dous sentidos simultaneamente, as obras habilitarán un paso peonil seguro do que o viaduto carece a día de hoxe.

A actuación suporá un investimento aproximado de 1,5 millóns de euros e esixiría o recrecido das pilas nuns dous metros aproximadamente, dotándoas dos reforzos necesarios. Nos estribos sería necesario acometer tamén ampliacións laterais para acomodar a nova anchura de 9,80 metros e dotalos de apoios dobres, o que permitiría transferir a torsión acumulada ao longo do taboleiro.