Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a mobilización cidadá convocada o domingo en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública

Valentín González Formoso reuniuse hoxe cos responsables da plataforma SOS Sanidade Pública

A comunidade perdeu un milleiro de profesionais sanitarios na última década e reduciu o seu orzamento en 140 millóns de euros

A Deputación da Coruña apoia a mobilización cidadá convocada o domingo en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública

A Deputación da Coruña suma o seu apoio á mobilización cidadá convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela o vindeiro domingo, 12 de febreiro.

O presidente Valentín González Formoso trasladou hoxe aos responsables da plataforma Ramón Veras Castro, Isabel Fouz, Santiago Gradío e Demetrio Vázquez o apoio da institución provincial á manifestación do domingo. Un apoio que foi referendado no último pleno da Deputación nunha moción presentada polos grupos do PSdeG-PSOE e do BNG, e aprobada co voto favorable de todos os grupos agás o Partido Popular.

Na moción, ademais de sumar o apoio á concentración do domingo, a Deputación insta tamén á Xunta de Galicia "a mellorar o deficiente sistema asistencial na Atención Primaria, que nos últimos anos reduciu o seu orzamento en 140 millóns de euros e perdeu un milleiro de profesionais ".

Formoso instou á cidadanía a participar na mobilización "en defensa dun sistema sanitario público que conta con grandes profesionais, pero que enfronta un grave perigo: que se favoreza a sanidade privada en detrimento da pública. Estou seguro de que o domingo haberá un clamor en Santiago para dicir ao goberno galego que non imos pasar polo desmantelamento do noso sistema sanitario", afirmou

"Foi unha reunión de acordos. Coincidimos na importancia de defender a nosa sanidade pública", afirmou Ramón Veras, portavoz da plataforma, que destacou "o deterioro que estamos sufrindo na sanidade pública galega e a necesidade de participar o día 12 manifestación de Santiago para dicirlle ao goberno galego que non nos gusta o que está facendo"

Outro dos asuntos abordados na reunión foron as precarias condicións de traballo dos sanitarios, que provocan que os profesionais en formación rexeiten a Atención Primaria como destino laboral. Esta falta de profesionais fai que se produzan atrasos importantes nas citas para o médico de cabeceira e que se saturen as urxencias hospitalarias.

No texto aprobado polo pleno da Deputación afírmase que os recortes levados a cabo na última década "repercuten agora nun sistema saturado que acumula atrasos e demoras na súa capacidade asistencial e que, ademais, se ve agravado pola precarización do propio persoal, que arrastra o gran labor que tivo que facer durante a pandemia".