Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e CEGASAL inauguran en Carballo unha exposición fotográfica sobre a inclusión laboral das persoas con discapacidade

A mostra percorre distintos municipios da provincia co apoio da Deputación

Lamas destaca a importancia de apostar pola integración no mercado laboral das persoas con diversidade funcional e destaca as máis de 2.100 persoas contratadas por CEGASAL nos seus centro especiais de emprego

A Deputación da Coruña e CEGASAL inauguran en Carballo unha exposición fotográfica sobre a inclusión laboral das persoas con discapacidade

A Deputación da Coruña e CEGASAL (Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro), coa colaboración do Concello de Carballo, inauguraron hoxe no Pazo da Cultura unha mostra fotográfica itinerante que visibiliza a realidade laboral das persoas con discapacidade.

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, inauguraron hoxe a mostra, obra do fotógrafo coruñés Diego Silva, que percorreu ao longo de dous anos e medio os centros especiais de emprego da entidade para plasmar coa súa cámara a actividade diaria destes profesionais.

No acto, Lamas destacou "a capacidade de CEGASAL de incorporar ao mundo laboral a tantas persoas, durante tantos anos e en distintos sectores. A día de hoxe, ten a máis de 2.100 persoas contratadas nos seus centros especiais de emprego. É importante dar visibilidade a este traballo", afirmou a deputada.

O presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, quixo dar as grazas á iniciativa da Deputación da Coruña para levar esta mostra a distintos concellos da provincia e chegar ao público a realidades das persoas con discapacidade.

Un altavoz formado por 24 imaxes

A mostra fotográfica de Diego Silva está formada por 24 imaxes, máis de 24.000 palabras, para sacar do silencio a capacidade laboral das persoas con discapacidade.

A exposición é unha iniciativa máis dentro da filosofía de CEGASAL, apoiada pola Deputación da Coruña, de fomentar o traballo de calidade para as persoas con discapacidade e en situación de risco de exclusión social. As traballadoras e traballadores que protagonizan esta mostra son o exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico.

Cumprindo vinte e cinco con moi bos resultados

CEGASAL cumpriu no ano 2022 os 25 anos da súa creación e conseguiu que o 96% dos traballadores dos 32 centros especiais de emprego que representan sexan persoas con discapacidade. O obxectivo que se marcan para os próximos anos é o de aumentar a taxa de creación de emprego un 20%, é dicir, xerar 400 postos de traballo máis.

Na actualidade, os centros especiais de CEGASAl, no seu conxunto, facturan máis de 44 millóns de euros e dan emprego a ao redor de 2.100 persoas con discapacidade