Estás en:Novas

A IV Semana do Cinema Galego chega ao Teatro Colón do 14 ao 19 de marzo

A gran celebración cinematográfica non competitiva de Galicia proxectará na Coruña as mellores producións cinematográficas con selo galego do último ano, seleccionadas como finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo 

O programa está conformado por un total de nove filmes que suman 40 nominacións aos Mestre Mateo, entre eles, catro largos de ficción (Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can), catro documentais (A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe) e a película de animación gañadora do Goya en 2022 Valentina

A IV Semana do Cinema Galego chega ao Teatro Colón do 14 ao 19 de marzo

A Coruña acollerá do 14 ao 19 de marzo a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os seleccionados como finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo, que xuntos suman 40 nominacións- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras. Deste xeito, o programa contará cos largos de ficción Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe; e a película de animación gañadora do Goya en 2022 Valentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar o aforo.

A presentación da programación tivo lugar esta mañá, xoves 24 de febreiro, no Café Copacabana, que operará como "Cantina da IV Semana do Cinema Galego" e espazo de encontro oficioso entre artistas e público durante todo o evento, para intercambio de impresións e conversas antes e despois dos pases. No acto participaron Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA); Inés Rey, alcaldesa da Coruña; e Xosé Regueira Varela, vicepresidente da Deputación da Coruña.

Na súa intervención, Pérez Becerra salientou o carácter "selecto e diverso dunha programación que condensa o mellor do panorama galego actual", que regresa á  pantalla grande en aberto para todos os públicos e que vai estar articulada en "sesións nas que os equipos artísticos e técnicos das películas poderán compartir co público a súa visión persoal sobre os traballos e tamén as anécdotas que non saen na pantalla". Pola súa banda, Xosé Regueira Varela, recalcou que para "a Deputación da Coruña é un orgullo colaborar coa Academia e reivindicar o papel do audiovisual galego, un motor de emprego e talento que xera o 25% do PIB cultural". Insistindo en que "desde as institucións debemos apoialo como algo fundamental, poñelo en valor e lograr encher as salas". Finalmente, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, tomou a palabra para recordar que "A Coruña é a cidade galega do cinema porque aquí foi onde naceu da man de José Sellier, pioneiro do cinema e autor da primeira película galega, e dende o Concello seguiremos apostando por que a cidade siga na vangarda do audiovisual".

6 días, 9 filmes
A actividade da IV Semana do Cinema Galego botará a andar con Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira, que se exhibirá o martes 14 de marzo ás 20.00h, tras o acto oficial de inauguración. A película, estreada no último Festival de Málaga, é unha reflexión sobre as cloacas do Estado, e nela Luis Tosar encarna a Juan, un home afeito a lidar cos asuntos turbios dos poderosos. O mércores 15, ás 20.00h, será a quenda do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverde sobre a vida da grande actriz coruñesa que se estreou na Seminci de Valladolid. No ecuador da Semana, o xoves 16 de marzo, comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20.00h vaise proxectar Onde máis doe, un documental de Manane Rodríguez no que a cineasta uruguaia afincada en Galicia analiza un caso de violencia vicaria que aconteceu en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. Un chisco máis tarde, ás 22.00h, exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por un Manuel Manquiña nun rexistro inédito na súa carreira. O filme, que reflexiona sobre a soidade non elixida, a vellez e o abandono das aldeas, gañou seis galardóns na 31 edición do Festival de Cine de Madrid, incluído o Premio da Crítica.

O programa do venres 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00h, de A Foreign Song, de César Souto, filme inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens. O documental obtivo os galardóns á mellor película española e ao mellor director español do FICXixón, certame onde tivo lugar a súa estrea mundial. Algo máis tarde, ás 22.00h, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional. A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30h, a cita é con Live is Life, unha incursión de Dani de la Torre na comedia cunha historia ambientada nun verán inesquecible dun grupo de mozos na Galicia de 1985. E de segundo, ás 22.00h, será O corpo aberto, de Ángeles Huerta, quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas dun filme gótico inspirado na obra Arraianos de Méndez Ferrín.

A clausura da IV Semana do Cinema Galego será a mañá do domingo 19, ás 11.30h, e virá da man de Valentina, a película de Chelo Loureiro gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022. Grandes e pequechos están convidados a acompañar a Valentina, unha nena con síndrome de Down, na súa aventura para facer realidade o seu soño: ser trapecista.

Cita co talento
O programa desta cuarta edición da Semana do Cinema Galego inclúe nove traballos finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual nas categorías de mellor longametraxe, documental e longametraxe de animación. Os títulos da programación suman un total de 40 candidaturas aos máximos galardóns do audiovisual galego, e dous deles, O corpo aberto e Código Emperador, con 16 e 8, respectivamente, parten como favoritos dos premios que se concederán no vindeiro mes de marzo. Con esta nova cita, a Semana do Cinema Galego consolídase como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca.

Logo da boa acollida da súa pasada edición, con máis de 3.000 espectadoras e espectadores que encheron os pases dos dez filmes proxectados en 2022, a mostra repite fórmula neste 2023 e propón unha semana para celebrar a puxanza do audiovisual galego na compaña dos seus profesionais. Unha ocasión carismática, sedutora e máxica, con todo o glamour do mellor cinema, que se consolida na súa cuarta edición como unha das grandes citas cinematográficas da tempada. E que situará, de novo, á cidade da Coruña no eixe da Sétima Arte.