Estás en:Novas

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca que a Deputación dedica 157.500 euros a esta liña de subvencións e sinala que o obxectivo destas axudas é contribuír cos deportistas con talento para potenciar o seu progreso

O prazo de solicitudes abre desde mañá ata o 19 de abril

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés é consciente das dificultades que teñen moitos deportistas con talento para progresar naqueles deportes que teñan un carácter individual, convoca este ano 45 bolsas deportivas de 3.500 euros cada unha destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca que a Deputación dedica este ano 157.500 euros a esta liña de subvencións. Capelán sinalou que o obxectivo destas axudas é contribuír a que os e as deportistas con talento podan potenciar o seu progreso e que este non se deteña pola falta de apoios económicos.O programa, que leva anos axudando a estes deportistas a seguir colleitando éxitos para o deporte coruñés, "busca premiar o esforzo dos nosos deportistas e tamén axudalos a ter as mellores ferramentas para que poidan continuar progresando nas súas disciplinas ao mellor nivel posible", apuntou.

Dirixidas a deportes que pertenzan a unha das disciplinas olímpicas

As persoas solicitantes deberán practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas incluídas no programa oficial dos próximos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París de carácter individual.

Os e as deportistas só poderán solicitar bolsa por unha única modalidade deportiva e deberán acreditar a residencia en calquera concello da provincia da Coruña, cunha antigüidade ininterrompida de dous anos, na data da publicación destas bases reguladoras no BOP. Tamén deberán dispoñer de licenza deportiva vixente na data de publicación no BOP das bases da convocatoria, e acreditar o nivel deportivo na modalidade practicada e ter proxección nas previsións de futuro. Entre outras esixencias da convocatoria será de obrigado cumprimento o non estar cumprindo sanción firme por infracción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva, cualificada como grave ou moi grave.

Por outra banda, as e os candidatos terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2022, no que haberán de constar as participacións e os resultados obtidos en competicións oficiais autonómicas, nacionais ou internacionais, con especificación de datas, lugar e nivel de competición. Este historial terá que vir certificado pola federación deportiva correspondente.

Poderán solicitar as bolsas deportistas de 12 a 32 anos

As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes:

Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos

Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos

Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 32 anos.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase mañá e remata ás 14.00 horas do día 19 de abril.

Acceso ás bases da convocatoria publicada no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2023/03/13/2023_0000001657.html