Estás en:Novas

A Deputación compromete un investimento de 1,7 millóns de euros en tres anos para renovar o sistema de abastecemento de auga do Concello de Ares

O custe total das obras contempladas no protocolo asinado ascende a 4.280.000 euros. A Deputación financiará o 40% do proxecto, Augas de Galicia outro 40% e o Concello de Ares, o 20%

As obras rematarán cos problemas no subministro de auga, que se dan sobre todo no verán

"E o investimento máis importante dos últimos 16 anos que levamos gobernando polo que é unha moi boa nova para toda a veciñanza", afirma o alcalde, Julio Iglesias Redondo

A Deputación compromete un investimento de 1,7 millóns de euros en tres anos para renovar o sistema de abastecemento de auga do Concello de Ares

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe xunto ao alcalde do Concello de Ares, Julio Iglesias Redondo, o protocolo que articulará o financiamento e execución das obras renovación do sistema de abastecemento de auga do municipio.

Trátase dunha actuación de vital importancia para a poboación deste concello que padece as consecuencias dun sistema deficitario que non garante, sobre todo en época estival, o subministro de auga potable. "Asinamos hoxe un primeiro paso importante que permitirá garantir os traballos para que dentro de pouco tempo os curtes de auga no municipio non sexan máis cun mal recordo", apuntou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou que se trata "dun dos investimentos máis importantes programados pola Deputación para os vindeiros anos", nun asunto prioritario para este concello e "nunha mostra de colaboración entre administracións".

Neste sentido, destacou que o crecemento de Ares nos últimos anos non foi en paralelo á renovación das infraestruturas. "É un investimento prioritario e penso que Augas de Galicia debe liderar o proxecto xa que a súa achega sae directamente do pago do canon dos propios veciños e veciñas", destacou o presidente.

O alcalde do Concello de Ares, Julio Iglesias Redondo, asegurou que na época estival a presión é insuficiente pola ruptura dunha tubaxe, polo diámetro e presión das tuberías, e pola falta de depósitos, e con esta obra "poderemos resolver de xeito definitivo os problemas que levamos padecendo durante anos". "E o investimento máis importante dos últimos 16 anos que levamos gobernando polo que é unha moi boa nova para toda a veciñanza", afirmou o alcalde.

Julio Iglesias Redondo explicou que o proxecto "contempla a execución de novos depósitos de auga no alto de Simou, onde o Concello xa ten mercados os terreos", uns depósitos que cargarán de auga pola noite o que "ofrecerán autonomía no subministro de auga ao municipio".

Un investimento de 4,2 millóns para renovar o abastecemento

O custe total das obras ascende a catro millóns douscentos oitenta mil euros (4.280.000,00 €) distribuídos do seguinte xeito entre as partes asinantes:

Co protocolo asinado hoxe, a Deputación da Coruña comprométese a destinar 1,7 millóns de euros, o 40% do proxecto, en tres anualidades para arranxar esta situación, a Xunta de Galicia (a través de Augas de Galicia) farase cargo doutro 40% das obras de mellora do sistema de abastecemento e o Concello de Ares investirá o 20% do custe total da obra.

O 40% da Deputación da Coruña supón unha achega de 1.712.000,00 € en tres anualidades durante 2023 (600.000 euros), 2024 (600.000 euros), e 2025 (512.000 euros). A achega prevista de Augas de Galicia será da mesma porcentaxe e cantidades económicas.

O Concello de Ares financiará o 20% restante,que ascende a 856.000,00 €. Esta achega realizarase en tres anualidades, do 2023 ao 2025, cun investimento anual de 285.333 euros.

Os 600.000 euros correspondentes ao financiamento da Deputación neste 2023 xa están incluídos no expediente modificativo de créditos que se aprobará este mesmo mes no pleno da Deputación.