Estás en:Novas

A Deputación premia ao alumnado do CPI As Mirandas de Ares por un traballo sobre a relación de Cuba co municipio a través da emigración

O deputado José Ramón Rioboo entregou o premio ao traballo "Ares e Cuba, unha historia compartida" coincidindo co 119 aniversario da Alianza Aresana de Instrucción.

Ares contou coa primeira escola indiana de Galicia construída con fondos da emigración do municipio na Habana. Ata cinco escolas do municipio foron financiadas pola emigración aresá.

A Deputación premia ao alumnado do CPI As Mirandas de Ares por un traballo sobre a relación de Cuba co municipio a través da emigración

O deputado José Ramón Rioboo e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, presidiron na Biblioteca de Ares o acto de entrega do premio de Investigación Escolar "Lazos Coruñeses con América Latina", ao alumnado do CPI As Mirandas de Ares polo traballo titulado "Ares e Cuba, unha historia compartida. A súa pegada indeleble no noso pobo", na que se fai unha exhaustiva análise da relación entre a vila coruñesa e Cuba a través da emigración.

O acto enmárcase nas actividades do 119 aniversario da Alianza Aresana de Instrucción que estes días conmemora o Concello de Ares.

Rioboo trasladou a súa felicitación ao alumnado e o equipo docente do CPI As Mirandas "por un excelente traballo que contribúe a manter na memoria colectiva e dar a coñecer entre as novas xeracións a importancia que a emigración tivo e ten para Ares e para toda Galicia".

O alumnado investigou sobre as razóns, o proceso e a pegada da emigración en Ares. Neste sentido, no traballo destácase o feito de que "En Ares temos que estar orgullosos de ter a primeira escola indiana de Galicia, e a segunda de España, impulsada, pagada e sostida polos emigrantes aresáns na Habana. Non foi unha escola, senón cinco, as que se construíron no Concello de Ares co capital e a ilusión dos nosos emigrantes". A primeira escola foi a Alianza Aresana de Instrucción, seguida das escolas de Redes (A Tenencia), Escola de Nenas de Ares, Seselle e Cervás.

O traballo premiado foi realizado por 7 alumnos e alumnas de 4° de ESO dentro da materia de Xeografía e Historia e en colaboración coa materia de Lingua Galega e tamén co Equipo de Dinamización Lingüística, a través do programa de fomento da Lingua Galega que se leva a cabo no centro. Os alumnos participantes foron:

- Geovanna Carvalho de Medeiros Correia
- Luís Alejandro Crespo Oltra
- Hugo Martínez Cortizas
- Fabio Polo Leira
- David Vila Villares
- Iván Pena Dovale
- Gonzalo Martínez Cauce

A profesora coordinadora do proxecto foi María do Rocío Pena Pena, profesora de Xeografía e Historia no centro educativo.

O Premio de traballos de investigación escolar "Lazos coruñeses con América Latina" Premio LACAL) ten por obxectivo fomentar o coñecemento da historia da migración galega e a creación das comunidades galegas nos países de América Latina, dada a especial relevancia que este feito migratorio tivo e ten na provincia de A Coruña. Tamén ten como finalidade o fomento, a través da implicación da mocidade, da recuperación dos lazos de unión, afectividade, coñecemento e colaboración coas comunidades galegas nos países de América Latina. O premio establécese para centros escolares con sede na provincia da Coruña.