Estás en:Novas

A Deputación promociona a gastronomía como recurso turístico nas oficinas de Correos en Barcelona

A área de Turismo da Deputación continúa coa campaña "A provincia que sabe" fóra do territorio, cunha acción que promociona a gastronomía como recurso turístico cun vídeo, que estará activo ata finais de maio, en 22 oficinas de Correos en Barcelona

O inicio desta acción coincide coa presenza da Deputación no Salón de Turismo B-Travel de Barcelona, onde conta cun stand institucional para promocionar iniciativas e itinerarios de turismo industrial

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o responsable de eventos de MEGA, Óscar López, participaron na tarde de onte na xornada previa, dedicada a público profesional, cun relatorio sobre a experiencia museística que ofrece Estrella Galicia na Coruña, referente a nivel galego e estatal

A Deputación promociona a gastronomía como recurso turístico nas oficinas de Correos en Barcelona

"A provincia que sabe", a campaña da área de Turismo da Deputación para promocionar a gastronomía como recurso turístico estará presente en oficinas de Correos de Barcelona ata finais de maio. Trátase dunha acción promocional que xa está incorporada nas pantallas das 22 oficinas de Correos barcelonesas e que ten por obxectivo "chegar a un tipo de público que saiba apreciar toda a cadea de valor da nosa gastronomía, desde un produto de primeira calidade, ata a súa venda a través de tendas especializadas e delicatessen ou a través de establecementos hostaleiros que apostan pola sustentabilidade e pola economía circular", segundo indica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira. Durante os máis de dous meses en que esta acción de promoción permanecerá activa, tamén se están a difundir dous vídeos máis sobre a variedade de recursos turísticos do conxunto do territorio da provincia da Coruña.

O vicepresidente, que visitou unha das oficinas esta mañá xunto co xefe de sector de Correos, Joán Riera, e coa delegada da oficina (a nº 16), Aurora Rodríguez, atópase en Barcelona participando no Salón de Turismo B-Travel.

Precisamente no marco de B-Travel, Xosé Regueira, e o responsable comercial e de eventos do Museo de Estrella Galicia – MEGA, Óscar López, veñen de participar nas xornadas profesionais que  tiveron lugar, baixo o epígrafe 'B-Industrial' durante todo o día de onte, e que contaron cunha serie de relatorios ao redor de distintas experiencias turísticas de todo o Estado que, na súa maioría, tiveron como eixe central o aproveitamento de recursos industriais. Ao igual que na pasada edición, a área provincial de Turismo volveu apostar por poñer en valor o Museo MEGA, por tratarse dunha experiencia turística pioneira e un referente, tanto a nivel galego como estatal, ao redor da tradición da produción da cervexa, mais tamén de empresa con raíces familiares.

"Trátase dun espazo museístico que ademais de recoller toda a historia da empresa e da produción de cervexa, é tamén un espazo cultural, industrial, gastronómico e, por suposto, un espazo de memoria, non só da familia que fundou a empresa, senón de todo un territorio" asegurou Xosé Regueira ao respecto deste proxecto. Segundo datos achegados durante o relatorio, MEGA contabilizou durante o ano 2022, nun contexto aínda marcado pola pandemia, un total de 55.000 visitantes.

Pola súa banda, Óscar López explicou que en MEGA se está a apostar pola "innovación expositiva, introducindo constantemente novos elementos na oferta para os visitantes, desde visitas guiadas con degustacións ata masaxes, e por combinar esta innovación con todos os elementos do pasado que temos na fábrica, como as caldeiras orixinais ou as máquinas onde se elaboraba o mosto". Óscar Cernadas asegurou que "o que queremos é ser o museo da cervexa de Galicia e de España", e que para acadar este obxectivo se están realizando "experiencias que sacan o museo fóra do propio museo", entre as que citou "percorridos turísticos neutros" para o medioambiente, promoción de plantacións de árbores na contorna ou colaboracións con axentes locais.

O Salón de Turismo B-Travel abre hoxe ao público ata a tarde do domingo, e a Deputación da Coruña está presente no espazo expositivo cun stand propio entre máis dun cento de expositores. Ademais de información xenérica sobre os recursos turísticos do territorio, tamén ofrece información específica sobre experiencias e itinerarios de turismo industrial recollidos na guía "12 visitas imprescindibles na provincia da Coruña". Trátase dunha pequena publicación, gráfica e manexable, que recolle recursos como o propio Museo Estrella Galicia - MEGA, o proxecto de ecoturismo 'A Castrexa' (Cambre), a Casa Grande de Xanceda (Mesía), o Ecomuseo Forno do Forte (Malpica), o Lago Mineiro de As Pontes, o espazo museístico La Conservería de 1884 (Camariñas), a Ruta da Construción Naval en Ferrol, Mina Piquito (Moeche), o Muíño das Mareas 'Pozo do Cachón' (Muros), o proxecto 'Os Biosbardos-Cultura de Leira' (Cambre), a Ruta do lúpulo galego, e a empresa de cultivo e comercialización de té e plantas aromáticas 'Orballo' (Oleiros).