Estás en:Novas

A Deputación inviste 200.000 euros para a renovación da rede de abastecemento xeral de Miño

Valentín González Formoso e o portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, visitaron hoxe as obras que se están a levar a cabo no núcleo de Sombreu e que permitirán substituír a rede actual de fibrocemento por unha de fundición, ademais da renovación do pavimento

O presidente provincial tamén se achegou ata o novo coworking da Casa do Pescador, para o que o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, solicitou a adhesión á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

A Deputación inviste 200.000 euros para a renovación da rede de abastecemento xeral de Miño

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe as obras de renovación da rede de abastecemento xeral de Miño, financiadas a través dun convenio co Concello polo que o ente provincial aporta 200.000 euros.

Formoso achegouse ata o lugar dos traballos no núcleo de Sombreu acompañado polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández. Esta actuación permitirá substituír un tramo da rede actual de fibrocemento por unha de fundición, ademais da posterior renovación do pavimento afectado.

González Formoso destacou a "continua aposta da Deputación da Coruña por mellorar os servizos básicos nos municipios da provincia" e salientou "a importancia desta obra, renovando unha infraestrutura que permite abastecer de auga a un núcleo urbano tan importante como é o de Miño".

Pola súa parte, Manuel Vázquez Faraldo agradeceu "a colaboración da Deputación para levar a cabo esta actuación" e sinalou que "esta rede ten unha antigüidade de máis de 40 anos polo que necesitaba, claramente, unha renovación".

Coworking Casa do Pescador

O presidente provincial aproveitou a visita para achegarse ata as instalación do novo coworking da Casa do Pescador de Miño, para o que o Concello solicitou a adhesión á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, co obxectivo de dotalo dos medios e recursos necesarios para que cumpra o seu cometido de impulsar a creación de novas empresas e postos de traballo.

Ademais, a comezos de ano o Concello de Miño tamén solicitou unha subvención á Deputación, a través da liña 2 do Plan de Emprego Local (PEL), para sufragar os gastos directos de xerencia, xestión de accesos e zonas comúns, redes sociais e comunicación, dinamización e captación de usuarios e usuarias, recepción de novos coworkers, asesoramento e formación aos emprendedores. A estas actividades sumaríaselle os gastos indirectos como son o subministro da electricidade, telefonía e Internet, o mantemento do ascensor e do edificio e a limpeza das instalacións.

Formoso comentou que "é unha infraestrutura moderna, moi ben equipada e que ademais está emprazada nun punto que ofrece aos usuarios e usuarias unhas espectaculares vistas" e apuntou que "estamos valorando a inclusión deste centro na Rede provincial, que xa conta con 11 espazos e temos a intención de que Miño tamén forme parte".

Vázquez Faraldo, explica que "desde o primeiro momento ideamos o coworking da Casa do Pescador para que puidese formar parte da rede provincial xa que cremos que a axuda e a experiencia da Deputación da Coruña vai ser esencial para cumprir os obxectivos que nos marcamos con este novo equipamento, que é que contribúa a mellorar o emprego, crear empresas e a dar apoio ás persoas emprendedoras".

Un coworking moderno e accesible

O proxecto de converter a Casa do Pescador nun coworking comezou no mes de novembro do ano 2021, cando o Concello recibiu a cesión da primeira e a segunda planta deste edificio por parte da Confraría de Pescadores de Miño.

Para adecuar a instalación o Concello recibiu unha axuda do GALP Golfo Ártabro Norte, que permitiu: instalar un sistema de climatización, ventilación e contraincendios, subministrar mobiliario de oficina (mesas, cadeiras, despachos de billetes, andeis ou arquivadores), e a decoración dos espazos. Finalizadas as obras en novembro de 2022 adaptouse a sinalización e outros aspectos ao protocolo común dos Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación.

Na primeira planta os usuarios e usuarias terán unha terraza, un espazo aberto e diáfano, un almacén e aseos. Na segunda unha terraza, unha ampla cociña tipo industrial equipada para dar formación, un espazo formativo a maiores, aseos e un despacho.

A localización do edificio, no centro urbano pero nunha rúa accesible, residencial e tranquila con vistas á ría de Betanzos, permite traballar nun espazo colaborativo cun ambiente sosegado e apacible.