Estás en:Novas

Iván Vilela & Pablo Castaño abrirán o Maio Jazz 2023 coa presentación na Coruña do seu disco “Mat[R]iz”

O ciclo, organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, levará durante este mes ao Teatro Colón outras catro formacións das máis destacadas do panorama jazzístico galego: Cuarteto Federal, Antón Quintela, Javier Otero Neira e Pablo Sanmamed Trío

As entradas, de balde, poden xa poden retirase na web do Colón

Iván Vilela & Pablo Castaño abrirán o Maio Jazz 2023 coa presentación na Coruña do seu disco  “Mat[R]iz”

O Maio Jazz volve ao Teatro Colón da man da área de Cultura da Deputación da Coruña para ofrecer, durante este mes, cinco concertos que reunirán outras tantas formacións das máis destacadas do panorama jazzístico galego. Abrirán o ciclo, o domingo 14, Iván Vilela & Pablo Castaño, nunha das paradas da xira do seu disco "Mat[R]iz". O programa complétano Cuarteto Federal, o sábado 20; Antón Quintela, o domingo 21; Javier Otero Neira, o sábado 27; e Pablo Sanmamed Trío, o domingo 28. As entradas para as actuacións —todos, ás 20 horas— xa se poden retirar, de balde, na páxina web do Colón.

A viola de dez cordas de Ivan Vilela —un dos artistas máis influentes da música instrumental brasileira— e o saxo do padronés Pablo Castaño —nome referencial do novo jazz galego— atópanse en "Mat[R]iz" para achegar o seu toque persoal e orixinal ás músicas do mundo, transitando con naturalidade nas súas creacións entre os contextos erudito e popular, a improvisación do jazz, o feitizo dos ritmos da música brasileira e o lirismo enérxico do canto popular galego. Estarán acompañados no Teatro Colón polas voces de Felisa Segade e Gabi Reboredo.

A segunda das propostas do ciclo é a de Cuarteto Federal, un proxecto que naceu na estadía de Xacobe Martínez nas Residencias Artísticas Mariñán 2022, organizadas polo departamento provincial de Cultura. A súa proposta é o encontro de músicos convocados desde a periferia tanto xeográfica como estilística: o piano do andaluz Javier Galiana, a batería do catalán Guillem Arnedo, o saxo do Canario Kike Perdomo e o contrabaixo do santiagués Xacobe Martínez. Esta reunión artística conecta, nun dos formatos tótem do jazz contemporáneo, catro músicos nados nas décadas dos 60, 70 e 80, que apostan por explorar os lugares comúns, as diversidades territoriais e as posibilidades que esta experiencia pode xerar.

"Nemólito" (rocha arborizada) é o nome do proxecto de presentación da nova música de Antón Quintela, batería e compositor galego establecido en Porto. No Colón estará acompañado por tres dos máis importantes virtuosos do jazz portugués: José Soares (saxo alto), Miguel Meirinhos (piano) e Demián Cabaud (contrabaixo): intérpretes cunha ampla proxección internacional e que ademais lideran propostas onde tamén exploran as súas facetas de compositores, que en "Nemólito" aportan matices ao imaxinario musical de Quintela, caracterizado principalmente por unha forte compoñente lírica. O cuarteto encádrase na vangarda do jazz e bebe de múltiples influencias dentro e fóra do xénero.

O estradense Javier Otero Neira (piano e electrónica) presentará no Teatro Colón, acompañado por Iria Ramos (baixo e sintetizadores), o seu disco máis recente, "Saraiba", un traballo baseado nos sons de vangarda, do folclore e das músicas máis actuais. O concerto completarase con temas da álbum anterior de Otero, "Reconstruction", creado durante a pandemia da COVID e no que o pianista encargouse de todo o traballo de composición, interpretación, mestura e produción.

Pechará o ciclo o Pablo Sanmamed Trío (Pablo Sanmamed, dirección musical e contrabaixo; Iago Mourinho, piano; e Bruno Coucieiro, batería), formación que contará no Colón coa colaboración de Benxamín Otero (óboe e corno inglés). Compositor, contrabaixista, director musical e produtor, o santiagués Pablo Sanmamed pasa por un período especialmente fértil de escritura, gravacións e recoñecemento, como recolle o seu terceiro álbum de estudo, titulado Zugunruhe, en referencia a certo comportamento ansioso que impide migrar a algúns animais; en especial algunhas aves. Este concepto etolóxico motiva parte das composicións do disco, como tamén o fai o seu antónimo, a quietude, ou a ausencia desa necesidade de movemento. Coa incorporación ao trío do óboe e do corno inglés do reputado Benxamín Otero, no Maio Jazz poderemos gozar dun cuarteto que forxa un son comunitario absorbente e inmersivo.