Estás en:Novas

A Deputación leva a pleno as obras de humanización da avenida da Grabanxa, en Oroso, cun investimento de 518.548 euros

As obras permitirán mellorar a accesibilidade e reducirán a velocidade neste tramo con bandas redutoras

A Deputación leva a pleno as obras de  humanización da avenida da Grabanxa, en Oroso, cun investimento de 518.548 euros

A Deputación da Coruña leva ao pleno deste venres, 26 de maio, a aprobación das obras de humanización da avenida da Grabanxa, en Oroso, cun investimento de 518.548 euros.

En concreto, remodelaranse as beirarrúas entra a praza da Foca e o Camiño do Refuxio, mellorando unha das principais entradas e travesías de Sigüeiro coa reposición dos servizos básicos de abastecemento e saneamento e a definición dunha nova aliñación do bordiño para executar posteriormente novas beirarrúas, vados peonís e badéns.

Ademais, renovarase o pavimento asfáltico, melloraranse os accesos aos garaxes, instalaranse novas luminarias, plantaranse árbores, instalaranse xardineiras e recolocaranse elementos de mobiliario urbano.

O obxectivo deste proxecto é mellorar a seguridade viaria dos peóns, e ampliar o espazo público dotándoo de mobiliario e especies arbóreas que outorguen á avenida unha imaxe máis sostible. As obras permitirán mellorar a accesibilidade e reducirán a velocidade neste tramo con bandas redutoras.

Co fin de mellorar as beirarrúas colocaranse baldosas hidráulicas. Tamén se renovará o pavimento asfáltico e instalaranse novas ramplas de acceso aos garaxes.

Complementarán as actuación a colocación de bolardos, maceteiros, e contedores de residuos sólidos urbanos.

As obras terán unha duración de seis meses a partir da data da formalización do contrato.