Estás en:Novas

A Deputación da Coruña celebra a declaración do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da UNESCO

A Deputación da Coruña celebra a declaración do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da UNESCO

A Deputación da Coruña celebra a declaración oficial do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial no Consello Executivo da UNESCO celebrado hoxe en París.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, trasladaron a súa felicitación aos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, promotores da candidatura, que contou co apoio da institución provincial coruñesa.

A Deputación da Coruña destaca que "o recoñecemento por parte da UNESCO chega logo de anos de intenso traballo, nun gran exemplo de cooperación intermunicipal para promover o proxecto, que axudará a divulgar a nivel global o patrimonio único, a paisaxe e a singular importancia xeolóxica da zona". O Xeoparque suporá ademais "novas oportunidades para desenvolver un modelo de turismo sustentable no territorio"

O Xeoparque Cabo Ortegal pasa así a formar parte desta rede mundial xunto as outras 17 novas candidaturas aprobadas no día de hoxe en todo o mundo: Caçapava e Quarta Colônia en Brasil, Lavreotiki en Grecia, Ijen, Maros Pangkep, Merangin Jambi e Raja Ampat en Indonesia, Aras e Tabas en Irán, Hakusan Tedorigawa en Japón, Kinabalu en Malasia, Waitaki Whitestone en Nova Zelanda, Sunnhordland en Noruega, Bohol en Filipinas, Jeonbuk West Coast en Corea, Khorat en Tailandia, Mourne Guillion Strangford en Gran Bretaña e a ampliación do territorio do Xeoparque Kütralkura en Chile. Esta rede pasa polo tanto a estar composta por 195 espazos declarados como UNESCO Global Geopark, un selo ao mesmo nivel que o de Patrimonio da Humanidade ou a Reserva da Biosfera. O Xeoparque Cabo Ortegal é o único da Península Ibérica que obtén este distintivo nesta anualidade.

Xeoparque Cabo Ortegal, pasado, presente e futuro
Tras anos de traballo colaborativo entre concellos e Deputación da Coruña, no ano 2020 creouse a Asociación para a xestión do Cabo Ortegal. Esta asociación, impulsada e conformada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, contou co firme impulso da Deputación da Coruña para fortalecer a candidatura. Así, grazas ao apoio da institución provincial, puidéronse executar diferentes accións que resultaron imprescindibles para o éxito da candidatura, ao tempo que se intensificou o traballo de difusión e socialización dos recursos do territorio.

No ano 2021, reformulouse a candidatura sendo nesta ocasión admitida como "candidatable" recibindo, ademais, a maior das puntuacións. Así, A Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco presentou oficialmente ante o Comité internacional de Xeoparques da UNESCO a candidatura do Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal, para o cal houbo que presentar un amplo proxecto con 4 aspectos esenciais: 1. Patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, 2. Proxecto de xestión e desenvolvemento territorial, 3. Visibilidade e coñecemento do proxecto, 4. Traballo en rede con outros territorios.

O proxecto presentado foi avaliado no ano 2022 por dous auditores da Unesco (Chris Woodley- Stewart, director científico do North Pennines UGGp do Reino Unido e César Goso, coordinador científico do Grutas del Palacio UGGp de Uruguai) que, a finais de agosto de 2022, tamén visitaron durante 5 días o territorio para facer unha avaliación final in situ.

Dos procesos de avaliación derivaron informes técnicos positivos que foron elevados á Comisión Internacional de Xeoparques da Unesco que, en decembro de 2022, propón, que na seguinte reunión do Consello Executivo da UNESCO, se recoñeza ao proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da UNESCO.

Agora, tras todo este camiño, o proxecto alcanza o seu momento cume, no que esta recomendación chega ao Consello Executivo da UNESCO, na súa 216º asemblea celebrada na sede de París esta mesma semana, que recoñece xa oficialmente ao Xeoparque Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco.

Porén, o distintivo non é permanente, senón que hai que traballar constantemente para mantelo. Cada catro anos é preciso pasar de novo por unha auditoría similar, se cabe incluso máis exhaustiva, a do nomeamento, na que comproban sobre o terreo que se están cumprindo os obxectivos de desenvolvemento, de conservación, educativos, científicos, de dinamización territorial, de comunicación, etc., e que efectivamente se están a obter resultados.

Cada xeoparque ten un discurso propio e diferenciado dos demais, centrado nunha etapa concreta da formación do noso planeta, constituíndo así no seu conxunto un relato que nos mostra como se configurou a Terra durante millóns de anos. É por isto que os xeoparques traballan en rede, mantendo relación constantes a través de foros especializados e eventos nos que se intercambian experiencias e boas prácticas. No caso do Xeoparque Cabo Ortegal, a súa riqueza a nivel xeolóxico é indiscutible, destacando que este territorio alberga rochas en superficie de máis de 490 millóns de anos, e materiais que habitualmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade, algo excepcional e que se dá en moi poucos lugares do noso planeta. Ademais conta cun dos maiores e mellores afloramentos mundiais de ecloxitas, rochas producidas a grandes presións. Estas son algunhas das razóns que fan do territorio do Xeoparque do Cabo Ortegal unha auténtica viaxe ao interior da Terra.

Actualmente estase a traballar en paralelo en diferentes proxectos, destacando a posta en marcha das actuacións incluídas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino, por un importe total de 1,5 millóns de euros. Estas actuacións enfócanse no deseño e posta en marcha dun produto turístico especializado, baseado no xeoturismo como fío condutor desta estratexia, composta por catro eixos prioritarios: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Todas elas está previsto que se leven a cabo nos vindeiros 2 anos.

Outra das accións inmediatas que se levarán a cabo dende a asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal será o proceso de selección dun equipo técnico propio, encargado de coordinar e definir a estratexia dos vindeiros anos, garantindo así a estabilidade do xeoparque e a consecución dos obxectivos marcados.