Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello das Pontes asinan o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores do municipio

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o tenente alcalde das Pontes, Antonio Alonso, asinaron o convenio

A Deputación financia o proxecto con 38.500 euros e As Pontes pon a disposición os terreos na rúa Pardo Bazán 120

A Deputación da Coruña e o Concello das Pontes asinan o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores do municipio

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o tenente alcalde do Concello das Pontes, Antonio Alonso, asinaron esta mañá no municipio pontés o convenio para a redacción do proxecto da residencia de maiores que a institución provincial financiará no municipio.

No texto especifícase a posta da disposición dos terreos por parte do concello pontés na rúa Pardo Bazán 120, así como unha achega económica de 38.500 euros por parte da Deputación para financiar tanto o proxecto técnico como o estudo xeotécnico.

O texto especifica que "a raíz do estudo realizado pola Deputación para a diagnose e plan de acción en materia de servizos sociais na provincia, detectouse unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores, especialmente de tipo residencial. As residencias existentes no territorio non responden á demanda real, ademais de ser en moito casos de titularidade privada"

Sinálase ademais que "froito do sistema existente, moitos maiores vense lonxe da súa contorna, ao non existir recursos próximos, fomentando o desarraigo e unha imposibilidade de seguir vinculados ao núcleo familiar, ocasionando episodios de soidade non desexada" e que "a pandemia puxo de manifesto a necesidade doutro modelo residencial, de menor escala", en consonancia "cos modelos observados noutros países europeos":

Froito desa necesidade nace a vontade da Deputación de facer un proxecto piloto para a redacción dos proxectos básicos de tres residencias de carácter comarcal, en localizacións escollidas polo seu devalo demográfico. Do estudo realizado concluíuse que as localizacións idóneas para este proxecto piloto de residencias son Ordes, As Pontes de García Rodríguez e Rianxo, municipios nos que a Deputación desenvolverá tres residencias de maiores dentro deste proxecto piloto, cun investimento previsto de 6 millóns de euros.