Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o programa de actividades da Universidade de Santiago

O programa "Camiños de Coñecemento" que se desenvolveu en sete comarcas da Coruña, a actividade cultural ou a programación deportiva da Universidade de Santiago contan coa colaboración da Deputación da Coruña que achega un orzamento de 130.000 euros a través dun convenio que asinaron hoxe a vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei e o reitor da USC, Juan Manuel Viaño.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Manuel Viaño, asinaron o convenio de colaboración polo que a Deputación apoia a programación para fomento da educación, a investigación, a transferencia do coñecemento e as actividades culturais, artísticas e científicas da Universidade de Santiago.

A Deputación da Coruña achega, a través deste acordo, un total de 130.000 € que se destina a diferentes programas e proxectos entre o que destaca "Camiños de Coñecemento" a iniciativa que levou o IV Ciclo dirixido ás persoas maiores ás comarcas de Ribeira, Noia, Santiago, A Barcala Ordes, Arzúa e Tabeirós. "Para nós é un programa de especial relevancia en canto leva a Universidade a outros concellos e achega estas actividades formativas a persoas que tiñan difícil o seu acceso", valora Goretti Sanmartín que participou no acto de clausura que ese desenvolveu o mércores no Colexio de Fonseca.

Ademais, a través do convenio a Deputación apoia a programación deportiva, con actividades vinculadas á promoción do deporte e a vida saudábel, a promoción da educación en valores deportivos na educación universitaria e a renovación de equipos deportivos e mantemento das instalación deportivas.

O texto asinado pola vicepresidenta da Deputación e o Reitor de Santiago contempla tamén o apoio á programación cultural nos ámbitos do teatro, a música, exposicións ou posta en valor do patrimonio como iniciativas como o Museo Virtual, o Encontro de Danza Contemporánea, a actividade da Aula de Teatro ou o programa musical "A hora áurea".

Finalmente, o acordo inclúe o apoio aos programas de detección e captación de talento como o proxecto Estalmat para detectar aptitudes matemáticas avanzadas entre o alumnado de secundaria ou o programa de captación e fidelización de talentos na USC.