Estás en:Novas

A Deputación da Coruña leva o mellor de Cineuropa ao Teatro Colón

A Deputación proxectará o vindeiro xoves día 7 de decembro no Teatro Colón da Coruña o filme "A Fábrica da nada", do director portugués Pedro Pinho, que recentemente vén de ser galardoada como Mellor Película polo Xurado Novo do Festival Cineuropa.

A Deputación da Coruña leva o mellor de Cineuropa ao Teatro Colón

A Deputación proxectará o vindeiro xoves día 7 de decembro no Teatro Colón da Coruña o filme "A Fábrica da nada", do director portugués Pedro Pinho, que recentemente vén de ser galardoada como Mellor Película polo Xurado Novo do Festival Cineuropa.

O cine volta ao Teatro Colón da Coruña cunha rodaxe na que se expón a loita laboral dunha fábrica desafiuzada ao través dun "musical indómito" que evita achegarse aos matices propios das elexías ou as traxedias, para amosar a resistencia do proletariado.

Despois da sesión dedicada ao mellor do Festival Curtocircuíto, será nesta ocasión Cineuropa a protagonista da proxección do Colón. "Trátase dunha maneira de establecer sinerxías cos festivais que se apoian desde a área de Cultura da Deputación da Coruña e traer o mellor dos seus programas para ofrecer na pantalla do Teatro Colón, un espazo moi vinculado ao cine na súa historia", sinalou Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña. Tanto Cineuropa como Curtocircuíto recibiron unha importante axuda a través das liñas de apoio a festivais que converten á Deputación da Coruña na institución que máis colabora no desenvolvemento destes eventos que, segundo Goretti Sanmartín, "contribúen a difundir a nosa cultura, dinamizan o sector e crean novos públicos".

Pinho configurou unha trama na que ao través de "insólitas coreografías" acompaña a loita dunhas personaxes, que tras ver como perde o valor o seu traballo, serán obrigadas a permanecer nos seus postos sen facer nada, unha coxuntura que provocará que se organicen para loitar contra a administración e así evitalo traslado da produción a outra localidade.
Mesturando os xéneros documental e musical, a nova ficción de Pedro Pinho aborda cunha visión diferente as consecuencias da crise económica, as desigualdades creadas polo capitalismo agresivo ou a explotación da man de obra cualificada, unhas problemáticas que poden ser trasladadas dun xeito doado á realidade laboral contemporánea.

Cun elenco de actores integrado por José Smith Vargas, Carla Galvão, Njamy Sebastião, Joaquim Bichana, "A Fábrica da nada" é a primeira longametraxe de ficción do director portugués. Unha cinta coa que xa conquistou o Giraldillo de Oro á Mellor Película no Festival de Cine de Sevilla ou o FRIPRESCI da Crítica Internacional do Festival de Cannes.
A ficha técnica da película complétana co equipo de guionistas composto por Tiago Hespanha, Leonor Noivo e Luisa Homem; o fotógrafo, Vasco Viana e os responsables da música, José Smith Vargas e Pedro Rodrigues.


Pedro Pinho, unha traxectoria pragada de premios


Pedro Pinho (Lisboa, 1977) estudou na Escola Superior de Teatro e Cinema, en Lisboa, e na École Nationale Supérieure Louis-Lumière de Paris, realizando cursos de posgrado en dirección e guión na London Film School e na Fundação Calouste Gulbenkian.

No ano 2008 fundou a produtora "Terratreme Filmes", xunto con outros cinco cineastas, co-realizando con Frederico Lobo a longametraxe-documental Bab Sebta, coa que gañou os premios Marseille Esperance 2008 no FID Marseille,e s premios ao Mellor Filme no DOCLISBOA (Portugal) e o FORUM DOC BH (Brasil). Así mesmo, en 2013, tamén recibiría diversos galardóns coa cinta "Un fin do mundo".
Na actualidade traballa como realizador, guionista e produtor, tendo colaborado recentemente con Jorge Silva Melo, Filipa Reis e João Miller Guerra, João Salaviza ou Leonor Noivo, entre outros.

A entrada é libre previa recollida na billeteira do Teatro.