Estás en:Novas

Bolsas para deportistas

Nota de prensa

VINTE RAPACES DA PROVINCIA RECIBEN AS BECAS DEPORTIVAS DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA •A institución provincial inviste 50.000 euros para axudar á formación dos atletas A Coruña, 19 de xullo de 2013.- O presidente da Deputación, Diego Calvo, fixo entrega esta mañá das becas deportivas que a institución provincial entrega a 20 rapaces de entre 10 e 21 anos. No acto estiveron presentes os deportistas e os seus familiares, a vicepresidenta da Deputación, alcaldes e concelleiros dos concellos aos que pertencen os deportistas e presidentes das federacións de diferentes disciplinas. Calvo asegurou que o obxectivo destas bolsas é “recoñecer o esforzo que facedes ao longo de todo o ano aínda que teríamos que recoñecer a moitos máis deportistas”. O presidente explicou que entende que “dedicarse a un deporte require moitos sacrificios, tamén no económico, e sabendo que esta axuda non é unha solución definitiva, si podemos botar un cable”. “Todos os deputados desta institución, a vicepresidenta Mariel Padín e máis eu queremos darvos a todos as grazas porque estamos seguros de que o que hoxe vos entregamos é un investimento nos moitos éxitos que acadaredes no futuro”, asegurou o presidente antes de concluír o acto pedíndolles que “sigades traballando como ata o de agora”. Bolsas deportivas A Deputación da Coruña, consciente das dificultades polas que están a pasar moitos deportistas de disciplinas individuais, especialmente nas fases de iniciación, convoca cada ano estas bolsas en dúas categorías. A primeira está dirixida aos deportistas entre 10 e 17 anos, e a segunda aos que teñen entre 18 e 21 anos. Cada unha das categorías conta con 10 bolsas de 2.500 euros, sendo o orzamento total para este fin de 50.000 euros. Para acceder a estas axudas, os interesados teñen que ser residentes nalgún dos 94 concellos da provincia, pertencer a un dos deportes incluídos no programa oficial dos últimos Xogos Olímpicos, dispoñer da licenza deportiva vixente desde o 1 de xaneiro do presente ano e acreditar o nivel deportivo na modalidade practicada e a súa proxección nas previsións de futuro. Programa de bolsas da Deputación Ademais das axudas para deportistas, a Deputación da Coruña convocou este ano 18 becas para investigación que supoñen un valor total de 137.250 euros, sendo cada unha de 7.625 euros. Desas bolsas, 3 son para investigadores no área de ciencias sociais e xurídicas; 4 para ciencias; 4 para ciencias da saúde; 2 para enxeñería e arquitectura e outras 5 para investigación de artes e humanidades. A terceira convocatoria de bolsas corresponde aos estudos artísticos a desenvolver fóra de Galicia. Neste caso, a institución provincial investirá 161.100 euros en 18 becas. Estas axudas, de 8.950 euros, serán 3 de artes plásticas, 2 de danza, 4 de interpretación, 6 para música e 3 de imaxe. En total, son 56 bolsas e un investimento de 350.000 euros para axudar aos xoves da provincia a mellorar a súa formación e servir de apoio aos investigadores.

Listado de Premiados

Receptores das becas deportivas: 1- Diego Viera Rivas (Halterofilia, A Coruña). 2- Irene Martínes Santiago (Halterofilia, A Coruña). 3- Juan Sebastián Rivera González (Halterofilia, Ferrol). 4- María Vilas Vidal (Natación, Ribeira). 5- Camila Alonso Aradas (Triatlón,Ferrol). 6- Gracia Rey Guide (Atletismo, A Pobra). 7- Clara Otero Pérez (Natación, Ribeira). 8- Víctor Castro Mariño (Halterofilia, A Coruña). 9- Manuel Davila Lustres (Natación, Ribeira). 10- Claudia Rojo Cazorla (Atletismo, Ferrol). 11- Melina Griselda Alonso Aradas (Triatlón, Ferrol). 12- Daniel Cid López (Patinaje, Sada). 13- Geraldine Galarza Oyola (Halterofilia, A Coruña). 14- Noelia García Suárez (Halterofilia, A Coruña). 15- Lidia Parada Santos (Atletismo, A Pobra). 16- Iria Forján Oliveira(Atletismo, A Pobra)