Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aproba 151.000 euros para o acondicionamento do Castelo de Naraío, en San Sadurniño

Na actualidade, o Castelo de Naraío non ten todos os seus elementos protexidos, nin pode ser visitado polo público en xeral, xa que carece de accesos axeitados. Neste sentido, é preciso actuar de maneira urxente para consolidar e protexer o ben e convertelo nun ben que a cidadanía poida gozar.

A Deputación da Coruña aproba 151.000 euros para o acondicionamento do Castelo de Naraío, en San Sadurniño

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todas as forzas políticas, un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns de euros procedentes de superávit de operación non financeiras do exercicio 2017 (8.363.150, 78 euros) e de remanente de tesourería (3.127.918, 77 euros).

Destes fondos, algo máis de 4,36 millóns de euros destinaranse a financiar numerosos investimentos financeiramente sustentables nos concellos da provincia.

Entre eles, figura unha subvención nominativa de 151.000 euros para o financiamento dun proxecto de consolidación e acondicionamento do Castelo de Naraío. Esta achega cubre o 80% dos custos da obra, cifrados en 188.750 euros.

Dende o ano 2005, o concello conseguiu que a Fundación Casa de Alba, propietarios actuais do castelo, cedese o uso do monumento durante un prazo de 30 anos. Declarado Ben de Interese Cultural (BIC), o Castelo de Naraío está incluído no Catálogo do Patrimonio do planeamento municipal vixente.

Para a concesión da subvención, o Concello de San Sadurniño, usufrutuario do castelo, acredita a necesidade de coordinar as súas actuacións e de cooperar activamente co resto das administracións públicas. Ademais, manifesta a súa obriga de protexelo e de tomar as medidas para que a súa integridade non se vexa ameazada, así como difundir e fomentar o seu valor estimulando a participación activa de toda a sociedade nun proxecto cun claro interese público.

Na actualidade, o Castelo de Naraío non ten todos os seus elementos protexidos, nin pode ser visitado polo público en xeral, xa que carece de accesos axeitados. Neste sentido, é preciso actuar de maneira urxente para consolidar e protexer o ben e convertelo nun ben que a cidadanía poida gozar.

A recuperación do Castelo de Naraío é tamén unha necesidade ao tratarse do único castelo da Casa dos Andrade que non está rehabilitado nin se pode visitar, como si se pode facer nos castelos e as torres de Pontedeume, Moeche ou Vilalba. A singularidade deste monumento tamén é salientable dende o punto de vista arqueolóxico e histórico sendo un recurso cultural e turístico que vai máis alá do local.

Por último, cabe destacar as dúas rutas de sendeirismo que pasan polo Castelo de Naraío. Unha é de carácter municipal e percorre unha parte das ribeiras do río Castro, nas parroquias de Naraío e Igrexafeita. A outra é o Camiño de Santo André (GR-55), cuxo trazado e acondicionamento foi desenvolto pola propia Deputación provincial, e que une a vila de Betanzos co santuario de Teixido, pasando por varios mosteiros e castelos vinculados á Casa dos Andrade.

É por isto, que o proxecto que se pretende desenvolver no Castelo de Naraío viría a dar máis contido ao Camiño de Santo André e ás actuacións de promoción turística que leva a cabo activamente a Deputación da Coruña.