Estás en:Novas

Profesionais da escena galega reflexionan sobre os procesos de creación desde o punto de vista artístico

A Área de Cultura da Deputación da Coruña organiza a xornada "A escena galega sobre o palco do Colón"

Profesionais da escena galega reflexionan sobre os procesos de creación desde o punto de vista artístico

O Teatro Colón acolleu durante a xornada deste sábado un encontro entre profesionais do ámbito da escenografía galega co obxectivo de debater e reflexionar sobre os procesos de creación a que se enfrontan as persoas das artes escénicas desde o punto de vista artístico.
Organizada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, a xornada "A escena galega sobre o palco do Colón. Os procesos de creación nas artes escénicas na Galicia do século XXI", congregou durante a xornada deste sábado a máis de 200 persoas no transcurso dos diferentes eventos programados no Teatro Colón.
"O Teatro Colón ábrese como espazo de confluencia entre as distintas xeracións das artes escénicas nun encontro que agardo deixe pouso e do que nazan novos proxectos", explicou a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei que, na súa intervención inicial, botou en falta "ámbitos para a confluencia de distintas xeracións das artes escénicas galegas nas que, ás veces, o diálogo é mínimo, camiñando por liñas paralelas segundo propostas escénicas e mesmo xeracións".
Neste sentido, Goretti Sanmartín, subliñou "o carácter multidisciplinar e interxeracional" da xornada, agradecendo a participación tanto "de profesionais que contan cunha dilatada traxectoria no mundo da escenografía galega, como das novas xeracións de artistas e creadoras", amosándose convencida de que "as reflexións, a escoita e máis as experiencias compartidas aquí hoxe, de seguro que repercutirán positivamente nos futuros proxectos escenográficos".
A directora e coordinadora da xornada, Cristina Domínguez, salientou a importancia que ten organizar este tipo de xornadas ao "reunir nun mesmo espazo a persoas de diferentes disciplinas vencelladas coas artes escénicas e performativas en xeral, para falar sobre os procesos de creación", pondo en relevo que "falar e debater sobre como se crea é imprescindible para avanzar cara a excelencia e afrontar con garantías a proxección futura das creacións".
Despois do acto de presentación, a xornada botou a andar coa conversa "Os procesos creativos na ensinanza das artes escénicas". Nesta charla os directores Carlos Neira, Daniel Salgado e Carlos Sante analizaron baixo a moderación da tamén directora de escena, Irene Moreira, como se produce o achegamento á creación por parte dos alumnos e alumnas, tras finalizaren a aprendizaxe das diferentes técnicas interpretativas.
Durante a segunda das actividades programadas, o iluminador e deseñador de espazos escénicos, Baltasar Patiño, e a escenógrafa, Laura Iturralde, foron entrevistados polo dramaturgo, Afonso Becerra, quen dirixiu unha conversa en que se abordou como as estruturas sonoras e visuais están a ter un maior protagonismo e influencia, á hora de compoñer novos espectáculos.
Se por algo se caracterizou a xornada organizada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, foi pola grande variedade de profesionais que participaron nos diferentes eventos que a institución programou. Así, sobre o escenario do Colón compartiron mesa persoeiros dos ámbitos da dirección, da interpretación, da danza, do circo, o mundo dos monicreques, da música ou do teatro.
A sesión de mañá pechou coa conversa "Narrativas escénicas". Un diálogo entre o director de escena, Xulio Lago, e a actriz, Areta Bolado, en que formularon as súas visións persoais, como entenden cada un deles a construción do relato escénico contemporáneo.
Os recunchos do Colón acollen catro representacións fóra do escenario
Completan o programa, a celebración dunha mesa redonda sobre a relación das persoas profesionais da interpretación –actores, actrices, bailaríns, etc...-, cos procesos de creación. Así, a dramaturga, Esther Carrodeguas, moderou a conversa que mantiveron a actriz, Patricia Lorenzo, o titiriteiro, Eduardo Alberto Rodríguez 'Tatan', a coreógrafa e actriz, Olga Comeselle e máis o actor, Pablo Reboleiro, sobre o asunto.
O apartado expositivo da xornada "A escena galega no palco do Colón" rematou coa actividade "A Dirección de escena e a dramaturxia", en que Tito Asorei, Gena Baamonde, Quico Cadaval e Ruth Balbís, partillaron sobre os diferentes xeitos de tecer a estrutura dramatúrxica dunha peza e se esta debe partir dos materiais textuais, do deseño do movemento escénico, ou da mestura de ambas as formas.
Como colofón a esta intensa xornada de debate reflexión sobre a realidade escenográfica galega, catro compañías teatrais -Elefante Elegante, Prácido Domingo, Caramuxo Teatro e Manicómicos-, artellaron un bloque de exhibición en que interpretando cadansúa peza, de quince minutos, nos espazos menos convencionais, e ao tempo menos coñecidos, do Teatro Colón.

Páxinas suxeridas