Estás en:Novas

A Deputación aproba 67.700 euros para un proxecto de mellora da cuberta da piscina municipal de Boiro

A institución provincial aproba unha subvención nominativa e achega o 80% do orzamento total para a realización das obras

A Deputación aproba 67.700 euros para un proxecto de mellora da cuberta da piscina municipal de Boiro

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todas as forzas políticas, un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns de euros procedentes de superávit de operación non financeiras do exercicio 2017 (8.363.150, 78 euros) e de remanente de tesourería (3.127.918, 77 euros).

Destes fondos, algo máis de 4,36 millóns de euros destinaranse a financiar numerosos investimentos financeiramente sustentables nos concellos da provincia.

Entre eles, destaca unha subvención nominativa de 67.768,65 euros para o proxecto de mellora da cuberta e falsos teitos da piscina municipal de Boiro. O custo total da obra ascende a 84.710,82 euros, polo que a Deputación financia o 80% das obras.

As actuacións previstas pasan por eliminar a totalidade das humidades e filtracións de auga que se producen na cuberta plana, o espazo de acceso á instalación da piscina municipal, garantindo unha correcta seguridade de uso dos 900 usuarios que utilizan estes servizos.

Unha vez reparadas as filtracións de auga do exterior, levarase a cabo a renovación dos falsos teitos interiores tanto do espazo de acceso como do vaso da piscina.
As obras consistirán na substitución dos falsos teitos deteriorados de placas de escaiola, por uns falsos teitos de PVC, específicos para ambientes de alta humidade e presenza de cloro. Aproveitando a renovación dos teitos, renovarase a totalidade das luminarias empotradas, por unhas de tipo led, para a redución do consumo eléctrico.

O prazo previsto para a execución das obras será de dous meses dende o seu comezo.