Estás en:Novas

A Deputación aproba preto de 120.000 euros para o proxecto de rehabilitación da rampla de acceso peonil ao barrio do Castro en Cariño

As obras inclúen a completa rehabilitación das paredes, a mellora en cuestións de accesibilidade da rampla e a suxeición definitiva dos noiros que dan soporte á estrutura

Con estas melloras preténdese pór en valor a historia da propia parede, elaborando un mosaico que recupere a memoria das antigas 'marcas dos barcos', uns sinais visuais perceptibles dende moita distancia coas que os armadores navais avisaban aos mariñeiros para acudir a faenar.

A Deputación aproba preto de 120.000 euros para o proxecto de rehabilitación da rampla de acceso peonil ao barrio do Castro en Cariño

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado venres, por unanimidade de todas as forzas políticas, un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns de euros procedentes de superávit de operación non financeiras do exercicio 2017 (8.363.150, 78 euros) e de remanente de tesourería (3.127.918, 77 euros).

Destes fondos, algo máis de 4,36 millóns de euros destinaranse a financiar numerosos investimentos financeiramente sustentables nos concellos da provincia.

Entre eles, destaca unha subvención nominativa de 119.960,26 euros para o proxecto de rehabilitación e renovación urbana da rampla de acceso peonil ao barrio do Castro e entorno en Cariño. O custo total da obra ascende 149.950,33 euros, polo que a Deputación financia o 80% das obras.

Actualmente, o barrio do Castro é unha das zonas máis poboadas de Cariño, valéndose a veciñanza dunha única e xa antiga rampla para acceder ás vivendas. Pola súa situación, próxima ao peirao pesqueiro, a mesma está sometida a numerosos factores ambientais que provocan o seu paulatino deterioro, tales como o salitre mariño e a forza da chuvia e do vento.

Como consecuencia dos fortes temporais de vento e auga vividos nos meses de inverno, os danos na propia superficie da estrutura e nos terreos que respaldan esta agraváronse de forma moi patente.

Isto provocou desprendementos dos noiros que sosteñen a estrutura que poñen en serio risco a seguridade dos peóns por mor dun posible desmoroamento do paso. A isto, súmanse serias fendas nas paredes que fan que a rampla quede sen apoio, o estado esvaradío do firme e a unha baranda de apoio oxidada.

As actuacións incluirán, ademais da completa rehabilitación das paredes e a mellora en cuestións de accesibilidade da rampla, a suxeición definitiva dos noiros que dan soporte á estrutura co obxectivo de garantir a súa durabilidade.

Ademais das obras previstas, con estas melloras preténdese pór en valor a historia da propia parede, elaborando un mosaico que recupere a memoria das antigas 'marcas dos barcos', uns sinais visuais perceptibles dende moita distancia coas que os armadores navais avisaban aos mariñeiros para acudir a faenar.

O mosaico será encargado polo Concello de Cariño a un artista local.