Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán acolle unha nova edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal

Durante esta semana, o pazo bergondés reunirá a fiscais, xuíces e maxistrados de todo o Estado para abordar diferentes cuestións relativas á problemática xurídica relacionada coas persoas maiores.

O Pazo de Mariñán acolle unha nova edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o fiscal xeral do Estado en funcións, Julián Sánchez Melgar, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o director do Centro de Estudos Xurídicos, Israel Pastor, participaron esta mañá no Pazo de Mariñán (Bergondo) no acto inaugural dunha nova edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal.

Durante esta semana, o pazo bergondés reunirá a fiscais, xuíces e maxistrados de todo o Estado para abordar diferentes cuestións relativas á problemática xurídica relacionada coas persoas maiores.

"Un tema que consideramos de grande interese pois a defensa dos colectivos máis vulnerables é unha das principais funcións do Ministerio Público", afirmou González Formoso no seu discurso inaugural, no que deu a benvida aos asistentes á provincia da Coruña e subliñou a importancia da temática do foro deste ano debido ao envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, e ao crecente número de maiores que viven sós.

González Formoso lembrou que as previsións indican que España será en poucos anos o segundo país máis envellecido do mundo e que un de cada catro galegos xa ten máis de 65 anos, polo que "é unha temática que nos afecta moito en Galicia".

A adecuada atención aos maiores desde o ámbito dos servizos sociais e sanitarios, o control dos ingresos asistenciais e residenciais, a protección xurídica ante os casos de malos tratos, así como a atención a outras cuestións específicas que afectan ás persoas de idade avanzada serán algúns dos temas que se abordarán nos relatorios e mesas redondas que terán lugar nas vindeiras catro xornadas.

Dende principios da década do 2000, a Escola de Verán é unha aposta conxunta da Deputación da Coruña, a Consellería de Xustiza da Xunta de Galicia, a Fiscalía Xeral do Estado e o Centro de Estudos Xurídicos. Este esforzo conxunto entre diferentes administracións e o Ministerio Fiscal permite afondar en cuestións de actualidade e crear un diálogo constante entre os fiscais do noso país.