Estás en:Novas

A Deputación da Coruña investirá 57.000 euros na humanización do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle, na Baña


As obras eliminarán os problemas de asolagamento da explanada coa colocación dun novo pavimento de granito e unha bancada

A Deputación da Coruña investirá 57.000 euros na humanización do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle, na Baña

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado venres, por unanimidade de todas as forzas políticas, un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns de euros. Destes fondos, algo máis de 4,36 millóns de euros destinaranse a financiar numerosos investimentos financeiramente sustentables nos concellos da provincia.

Entre eles, destaca unha subvención nominativa de 57.000 euros para o proxecto de mellora e humanización do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle, no Concello da Baña. O custo total da obra ascende 76.848 euros, polo que a Deputación financiará o 71% das obras.

Os traballos pretenden, en primeiro lugar, solucionar os problemas de acumulación de auga e asolagamento que se producen habitualmente na explanada que rodea a igrexa e a casa reitoral, un lugar usado como zona de esparexemento e celebración de actividades lúdico-recreativas da veciñanza.

Para iso, dotarase á zona dunha capa filtrante de grava sobre a que instalará terra vexetal e céspede. Así mesmo, construiranse unha serie de ramais de drenaxe soterrados que permitirán recoller a auga e canalizala ata un pozo existente nas marxes da calzada que linda co adro.

A zona dotarase tamén de nova pavimentación de acceso tanto peonil como para vehículos, ambas a dúas bases de lousas granito silvestre con acabado abufardado e xuntas verdes para lograr unha integración acorde coa contorna. Os tramos peonís darán acceso tanto á igrexa como á zona do cruceiro.

Finalmente, dotarase ao adro dunha bancada que permita a reunión e descanso dos veciños na zona. A bancada instalarase no muro que delimita o predio e será cunha estrutura de aceiro negro liso con esmalte metálico sobre a que se instalarán unha serie de listóns de madeira, permitindo tamén unha axeitada integración na contorna.

Páxinas suxeridas