Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Carballo cofinancian un plan para a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns

As actuacións previstas prestarán especial atención aos pasos que se atopen nas proximidades de colexios, parques, centros de saúde e lecer

As actuacións previstas levaranse a cabo nos pasos de peóns situados nas rúas Compostela, Vázquez de Parga, Luís Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, do Sol, Berdillo, Poniente, Fábrica, Perú (centro comercial), Vicente Risco e Río Anllóns, e nas avenidas Milagrosa, Finisterre, Malpica, Razo e Ponte da Pedra

A Deputación e o Concello de Carballo cofinancian un plan para a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade de todas as forzas políticas, un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns. Destes fondos, algo máis de 4,36 millóns de euros destinaranse a financiar numerosos investimentos financeiramente sustentables nos concellos da provincia.

Entre eles, destaca unha subvención nominativa de 160.000 euros para a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do casco urbano de Carballo. A Deputación financia o 79,44% do custo total do proxecto, fixado en 201.404,95 euros.

O Concello de Carballo, seguindo o seu plan de estratexia de mellora e xestión do espazo público e da mobilidade, manifestou a súa necesidade dunha intervención urxente para mellorar a seguridade viaria nos pasos de peóns, prestando especial atención aos que teñen unha maior intensidade de peóns e maior tráfico rodado.

As obras centraranse nos pasos que se atopen nas proximidades de colexios, parques, centros de saúde e lecer, vías principais da localidade, interseccións perigosas, así como naqueles nos que se rexistrara algún accidente motivado pola falta de visibilidade, realizando un plan definido de prioridades para corrixir deficiencias.

En concreto, as actuacións previstas levaranse a cabo nos peóns situados nas rúas Compostela, Vázquez de Parga, Luís Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, do Sol, Berdillo, Poniente, Fábrica, Perú (centro comercial), Vicente Risco e Río Anllóns, e nas avenidas Milagrosa, Fisterra, Malpica, Razo e Ponte da Pedra.

Melloras na iluminación e sinalización

Neste sentido, levarase a cabo unha mellora da iluminacións dos pasos de peóns que consistirán en substituír as luminarias existentes por unhas de maior potencia cando estas estean situadas a menos de sete metros do paso de peóns. No caso de atoparse máis lonxe, instalarase un novo punto de luz que estará formado por unha columna cilíndrica de seis metros de altura, na que se colocará un proxector concentrador de luz que ilumine o paso de peóns.

Seguindo nesta liña, mellorarase a sinalización, tanto horizontal coma vertical. A mellora proposta é a de pintar os pasos de peóns con pintura termoplástica en frío en dúas cores, branco e vermello, co obxectivo de facer máis visibles os pasos de peóns, sobre todo en condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, complementarase coa instalación de captafaros reflectantes a unha cara no fronte de cada banda de cor branca.

No referente á sinalización vertical, procederase á instalación de paneis luminosos con sinalización homologada de paso de peóns e que ademais incorpore un texto tamén luminoso, que advirta da presenza do peón ao condutor. Os sinais luminosos prenderanse só cando exista unha presenza do peón, para iso será necesaria a instalación dun detector de presenza volumétrico en ambas marxes da beirarrúa, de xeito que cando o peón sexa detectado, informarán ao condutor da súa presenza no paso de peóns.

Por último, instalaranse medidas de calmado de tráfico, que reduzan a velocidade dos vehículos, mediante a instalación de pasos de peóns elevados a base de mesturas bituminosas en quente. Esta actuación, levará aparellada a realización de obras auxiliares de adaptación das beirarrúas á nova rasante do paso de peóns, e a instalación de dous novos sumidoiros para conectalos á rede de pluviais ao quedar interrompida a drenaxe lonxitudinal polo paso de peóns elevado.

 

Páxinas suxeridas