Estás en:Novas

A Deputación e COFER impulsan actividades para potenciar o emprego nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal


A institución provincial achega 70.000 euros para financiar as actividades da entidade destinadas a incentivar o autoemprego e o emprendemento, ademais de impulsar estratexias comerciais de carácter internacional.

A Deputación e COFER impulsan actividades para  potenciar o emprego nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Cristóbal Dobarro, asinaron esta mañá na sede da institución provincial un convenio para o financiamento das actividades da entidade empresarial destinadas a promoción do emprego. A institución provincial achega 70.000 euros o que representa o 80% do financiamento total do programa.

Con esta achega da Deputación, COFER potenciará o desenvolvemento das empresas da súa zona de influencia na que a pegada da crise económica provocou a extinción de milleiros de postos de traballo ocupados por man de obra cualificada.

Cúmprese así un dos retos desta entidade de incentivar o autoemprego e asesorar no emprendemento, ademais de crear unha bolsa de emprego que favoreza a incorporación ao mercado laboral dos desempregados.

A través do convenio asinado, COFER tamén porá en marcha unha serie de ferramentas destinadas a favorecer o servizo de apoio á creación de empresas, tales como actividades formativas e servizos de análise de viabilidade do proxecto empresarial, acceso a subvencións públicas, asesoramento xurídico-fiscal, etc. para axudar a pór en marcha novas ideas de negocio.

Internacionalización das empresas

Neste programa de colaboración impulsaranse estratexias comerciais de ámbito internacional, con encontros e actos empresariais, publicidade empresarial e outros proxectos e actividades de promoción destinadas a mellorar o fomento e a defensa da iniciativa privada para a creación de emprego e por conseguinte, a creación de riqueza e prestación de servizos á sociedade.

Preténdese tamén facilitar a presenza das empresas de Ferrolterra, Eume e Ortegal en feiras e eventos nacionais e internacionais e foros de promoción exterior, co obxectivo de que o potencial empresarial da comarca sexa coñecido a nivel internacional.

Páxinas suxeridas