Estás en:Novas

Nenos e nenas da comarca de Barbanza aprenden a navegar coa Deputación da Coruña

Porto do Son acolleu a pasada semana o primeiro dos seis cursos da Campaña de Vela 2018, que a partir de hoxe se desenvolve en Carnota

Nenos e nenas da comarca de Barbanza aprenden a navegar coa Deputación da Coruña

Preto de cincuenta nenos e nenas da comarca de Barbanza aprenden a navegar estes días nos primeiros cursos da Campaña de Vela da Deputación da Coruña. O primeiro dos cursos celebrouse a pasada semana en Porto do Son e, durante esta semana, Carnota acollerá esta actividade.

Os cursos inclúen clases teóricas para que os rapaces poidan aprender o manexo das velas e os distintos utensilios necesarios para a navegación a vela, afianzar conceptos, resolver dúbidas e explicar os distintos exercicios a realizar. Así mesmo, realizan un curso básico de elaboración de nós mariños. Posteriormente, baixo a supervisión dos monitores, os rapaces teñen a oportunidade de realizar prácticas de vela lixeira en diferentes embarcacións.

Tras Porto do Son e Carnota, os cursos de vela continuarán durante todo o verán. A vindeira semana desenvolverase en Laxe, onde xa hai 18 prazas cubertas.

A inscrición segue aberta para os cursos de Oleiros, Ares e Valdoviño, e pódese formalizar entregando no concello a ficha que se pode descargar da páxina web da Deputación da Coruña (www.dacoruna.gal/deportes). A cota de inscrición é de 25 euros.

Páxinas suxeridas