Estás en:Novas

A Deputación da Coruña adxudica por 479.102 euros as obras de ampliación e mellora da estrada DP-1102 de Cespón a Vidres, en Boiro

O proxecto inclúe a ampliación da plataforma ata os 6 metros, a dotación de beiravías e a mellora do trazado.

A Deputación da Coruña adxudica por 479.102 euros as obras de ampliación e mellora da estrada DP-1102 de Cespón a Vidres, en Boiro

A Deputación da Coruña e a empresa Mestura Obras e Proxectos asinaron esta mañá o contrato para a execución das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1102 de Cespón a Vidres, no termo municipal de Boiro, que suporá un investimento de 479.102 euros. A este importe hai que sumarlle os 142.266,73 € destinados ás 208 expropiacións necesarias para a execución dos traballos.

As obras, que comezarán nas vindeiras semanas, abarcarán un tramo de preto de 2 quilómetros entre os PK 0+000 e 1+700 e consistirán na ampliación da plataforma da estrada, dotándoa de carrís de 3 metros (na actualidade son de 2,5 m.) e beiravías de 1 metro. O proxecto inclúe tamén unha mellora do trazado, suavizando algunhas das curvas existentes, o que axudará a dar maior fluidez e seguridade ao tráfico.

Nos primeiros 350 metros do vial manterase a sección actual e realizarase un reasfaltado e unha mellora do seu cruce co tronco da estrada ampliada. A estrada ampliarase ata a glorieta que marca o final do tramo, no PK 1+700. Tamén se inclúe a mellora dos enlaces existentes nos puntos quilométricos 0+300 e 0+720 para facilitar os xiros dos vehículos, a construción de varios muros de contención de formigón e a prolongación do sistema de drenaxe transversal existente, así coma a urbanización do tramo con saneamento, iluminación e mellora da sinalización horizontal e vertical.

Para garantir a seguridade do tráfico durante a execución das obras, estas realizaranse primeiro nun sentido e posteriormente no outro, permitindo así manter en servizo un dos dous carrís de circulación en todo momento.

Os traballos terán un prazo de execución de 10 meses a partir do seu inicio, previsto para este mesmo verán.

Páxinas suxeridas