Estás en:Novas

González Formoso ofrece colaboración da Deputación para dotar de contido cultural á Casa dos Capeláns de Padrón

O presidente da Deputación e o alcalde de Padrón visitaron o inmoble, cuxas obras de rehabiltación supuxeron un investimento de 430.000 euros, cofinanciados polo Ministerio de Fomento e a institución provincial

As exposicións culturais ou os diferentes ciclos de conferencias e actividades que programa a Deputación nos municipios da provincia poderían recalar a partir do vindeiro ano na Casa dos Capeláns, contribuíndo á "dinamización cultural do recinto".

Formoso agrada que o renovado inmoble contribúa á potenciación turística do municipio en relación coas súas raíces históricas como "berce do Xacobeo"

Alcalde e presidente falaron das obras incluídas no Plan Único, que inviste 1,3 millóns de euros para a mellora das infraestruturas do Concello de Padrón.

González Formoso ofrece colaboración da Deputación para dotar de contido cultural á Casa dos Capeláns de Padrón

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ofreceu hoxe a colaboración da institución provincial para "dotar de contido cultural" a sala de exposicións da renovada Casa dos Capeláns de Padrón.

González Formoso visitou esta mañá o inmoble, cuxas obras de rehabilitación supuxeron un investimento de 430.000 euros, cofinanciados nun 75% polo Ministerio de Fomento (a través do 1,5% Cultural reservado para os municipios polos que pasa o AVE e que contan con Bens de Interese Cultural) e nun 25% (132.000 euros) pola institución provincial coruñesa.

Acompañado do alcalde, Antonio Fernández Angueira, o deputado provincial Antonio Leira, o portavoz socialista no municipio, Camilo Forján Seoane, o concelleiro de Obras da localidade e o arquitecto responsable das obras, Formoso visitou as diferentes dependencias do edificio, que o concello prevé destinar a usos culturais e turísticos, segundo explicou o alcalde, que agradeceu a colaboración económica da Deputación, cumprindo así o compromiso adquirido polo presidente na reunión que ambos os dous mantiveran en 2015, ao inicio do actual mandato do goberno provincial, para facer posible a recuperación dun edificio que antes da reforma presentaba un lamentable estado de ruína.

Produto da colaboración entre institucións

O presidente da Deputación gabou o resultado final das obras, "que permiten ao pobo de Padrón recuperar un inmoble que forma parte da súa historia e que queda perfectamente integrado nun conxunto patrimonial singular" que configura xunto coa antiga colexiata de Iria Flavia, declarada como BIC, e a Casa dos Coengos, sede da Fundación Camilo José Cela . Así mesmo, destacou que os traballos de recuperación e rehabilitación "foron produto da colaboración entre institucións e da implicación de moitas persoas".

Neste sentido, o presidente provincial considerou que a Casa dos Capeláns semella "o lugar idóneo" para a creación dun gran "contedor cultural" e ofreceu a colaboración da Deputación para dotar de contidos e equipamento a ampla sala de exposicións que alberga na súa planta superior.

Así, as exposicións itinerantes dos premios culturais da Deputación ou os diferentes ciclos de conferencias e actividades que programa cada ano a institución nos municipios da provincia poderían recalar a partir do vindeiro ano na Casa dos Capeláns, contribuíndo así á "dinamización cultural do recinto".

Segundo explicou o alcalde, o Concello prevé instalar na planta baixa un museo de arte sacro con fondos de gran valor histórico-artístico que serían cedidos polo Arcebispado de Santiago, unha idea que o presidente provincial considerou que contribuiría á potenciación turística do municipio en relación coas súas raíces históricas como "berce do Xacobeo".

O Plan Único inviste 1,3 millóns de euros en Padrón

Antes da visita á Casa dos Capeláns, González Formoso mantivo unha reunión co alcalde no seu despacho da Casa do Concello na que abordaron os investimentos programados pola institución provincial no municipio.

Formoso explicou que a Deputación da Coruña, a través do Plan Único (POS+ 2017 e POS+2018) ten aprobados actualmente investimentos por importe de preto de 1,3 millóns de euros para mellorar as infraestruturas e servizos públicos do Concello de Padrón.

"Trátase dun investimento histórico, incluído dentro do plan máis ambicioso realizado ata o momento pola Deputación da Coruña, cun orzamento global de máis de 166 millóns de euros en dous anos que se distribúen en base a criterios obxectivos entre todos os concellos da provincia", apuntou González Formoso, que sinalou que estes fondos permiten a construción de infraestruturas "que contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños de Padrón".

O presidente provincial repasou algunhas das obras incluídas no Plan Único da Deputación no municipio, entre as que destacan a pavimentación da avenida de Pontecesures (40.215,80 €), a construción de beirarrúas, pavimentación e reparación do abastecemento de auga no Campo da Feira (129.069,25 €), a conexión de Extramundi coa rede de saneamento xeral (42.210,90 €), a construción dun parque público no Campo da Barca (37.592, 81 €) e dunha pista multideporte no Campo do Souto (39.237,81), así como a pavimentación e mellora de camiños municipais en Bascuas, Ponte Aldea, Matanza-Luans, Roucón, Moroño-Pontecesures e outros.

Ademais, o POS+ permitiulle ao Concello de Padrón reducir a súa débeda con entidades bancarias en máis de 276.000 euros en só dous anos, avanzando así noutro dos obxectivos estratéxicos do Plan Único: o saneamento financeiro dos municipios coruñeses.

Páxinas suxeridas