Estás en:Novas

González Formoso destaca as catro décadas de historia dun Festival de Ortigueira “que consegue unir a diferentes pobos de Europa a través da música folk”

Arranca unha nova edición do Festival do Mundo Celta, que reúne cada ano a milleiros de afeccionados de todo o mundo.

O presidente provincial, que participou na inauguración, destaca a importante repercusión económica e turística do evento para a comarca.

González Formoso destaca as catro décadas de historia dun Festival de Ortigueira “que consegue unir a diferentes pobos de Europa a través da música folk”

O Festival do Mundo Celta de Ortigueira celebra este ano o seu 40 aniversario como un dos festivais máis icónicos de Galicia e coa idea de continuar a súa traxectoria asociada á calidade musical coa participación de artistas como Milladoiro, Ímar, Yves Lambert Project ou Lúnasa.

O certame, cofinanciado a través da liña de apoio a festivais da Deputación da Coruña, arrincou este xoves cun acto inaugural no que participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ortigueira e deputado provincial, Juan Penabad Muras, entre outros representantes institucionais.

No seu discurso inaugural, González Formoso destacou a "longa traxectoria dun festival de referencia consolidado na axenda cultural de Galicia tras catro décadas de historia".

"Dende a Deputación da Coruña, esperamos que, como en edicións anteriores volva ser un gran éxito e goce de boa repercusión, tanto económica como turística, para o municipio e para a comarca en xeral", afirmou.

Ademais, o presidente destacou a vertente cultural desta cita anual "que consegue unir a diferentes pobos de Europa a través da música folk".

Durante catro días, Ortigueira reunirá as mellores bandas e intérpretes internacionais do panorama folk nun programa no que ten especial relevancia o tradicional desfile de bandas de gaitas de todos os territorios celtas, desde Galicia ata Escocia.

Este festival obtivo un dos recoñecementos máis destacados no mundo do turismo, a declaración como Festa de Interese Turístico Internacional.

O programa deste ano reúne a artistas como Ímar, Milladoiro, Yves Lambert Project o Lúnasa. Para completar a oferta musical, impártense obradoiros de música ou relacionados con ela. Este ano impartiranse obradoiros de iniciación á zanfona, ao Bodhran, ao Tin whistle e ao Low whistle, ademais da 3ª edición do obradoiro de fotografía na rúa da man de Xulio Villarino, e outro de baile galego.

Páxinas suxeridas