Estás en:Novas

COMPOSTELA ABERTA E MAREA ATLÁNTICA INSTAN AO ESTADO A ASINAR O TRATADO SOBRE A PROHIBICIÓN DE ARMAS NUCLEARES

Instamos ao novo Goberno do Estado xurdido tras a moción de censura ao PP de Rajoy, a decidir se está do lado da paz e do desarme nuclear, ou do seguidismo ás políticas de tensión e ameaza de Donald Trump.

COMPOSTELA ABERTA E MAREA ATLÁNTICA INSTAN AO ESTADO A ASINAR O TRATADO SOBRE A PROHIBICIÓN DE ARMAS NUCLEARES

Compostela Aberta, a través do seu Grupo Provincial, defenderá a necesidade de asinar o Tratado sobre a Prohibición de Armas Nucleares, cunha moción que presentou conxuntamente coa Marea Atlántica e que se debaterá no Pleno provincial do vindeiro 27 de xullo.


Este convenio internacional, promovido pola ONU e asinado xa por 122 países, non foi ratificado polos países que integran a OTAN, entre eles o Estado español. É o primeiro acordo que prohibe calquera uso de armas nucleares, incluído o seu desenvolvemento, produción, adquisición, posesión ou proba. Ata o de agora, o foco poñíase na redución dos arsenais.


Na actualidade, hai un mínimo de cinco estados con arsenais nucleares que non asinaron os tratados de non proliferación. A Asemblea da ONU adoptou hai agora un ano este novo Tratado ante a recente escalada na produción de armas e mísiles balísticos.


Aínda que o Estado español non posúe armamento nuclear nin foi vítima do seu uso militar, si coñece os riscos derivados da súa existencia e almacenaxe, pois aínda persiste a contaminación radioactiva asociada ao incidente de Palomares, Almería, de hai máis de 50 anos.

Por iso instamos ao novo Goberno do Estado xurdido tras a moción de censura ao PP de Rajoy, a decidir se está do lado da paz e do desarme nuclear, ou do seguidismo ás políticas de tensión e ameaza de Donald Trump.

 

Texto completo da moción.