Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o festival "O Feito a man" de Santiago de Compostela

A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia o festival "O Feito a Man", organizado pola Asociación Cidade Vella de Santiago, que chega a súa 15ª edición con case 70 espectáculos.

A Deputación da Coruña apoia o festival

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei participou na presentación do programa do festival O Feito a Man xunto co alcalde do concello, Martiño Noriega e os responsábeis da Asociación Cidade Vella, organizadora do evento, Manu Rodríguez e Ánxeles Porto, ademais da actuación do trío compostelán Handle with Swing.

"Santiago de Compostela leva a música no seu adn e forma parte do seu produto interior bruto, é parte da nosa cultura mais tamén fonte de riqueza, dinamización económica e cultural", sinalou Goretti Sanmartín na presentación dun festival que, segundo dixo, "cada ano está a ser mellor valorado". Explicou así que o Festival Feito a Man duplicase amplamente o recibido no ano pasado na liña de axudas a festivais de entidades da Deputación da Coruña pola que nesta edición recibe 22.500 euros.

Sesenta e sete espectáculos e 57 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Chega esta semana a décimo quinta edición do Feito a Man, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que terá lugar do 1 ao 26 de agosto.

Polo Feito a Man deste ano pasarán case 60 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega... Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

Nestes 26 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias. Tal e como é sinal de identidade desde o comezo da propia existencia deste festival, continúa a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade. Así, haberá oportunidade de escoitar bandas como Som do Galpóm, The Show Bass, Alejandro Vargas Quinteto, Loiros, Soulwide, Talabarte, Nastasia Zürcher, Quarks, Os Barbitúricos, Habelas Hainas, Oîma, Mad Martin Trio ou The Fabulous Resaca Brothers.

 

Páxinas suxeridas