Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece 120 actuacións da cultura de base neste mes de agosto

O programa Alicerces contempla case oitocentos espectáculos

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece 120 actuacións da cultura de base neste mes de agosto

Corais, bandas de música, grupos de teatro amador protagonizan un total de 120 actuacións neste mes de agosto a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña que consigue co programa "Alicerces" dinamizar a cultura de base nos concellos.

O programa "Alicerce" da Rede Cultura da Deputación da Coruña promove e difunde a cultura de base, de maneira especial, a música e danza tradicional que supoñen a maior parte da oferta dos 403 espectáculos que forman parte desta liña de actuacións culturais destinada a entidades e concellos.

En total, só no mes de agosto, serán 120 as actuacións programadas a través da Rede Cultural para agrupacións non profesionais a través de todo o territorio dos concellos da Coruña, en especial, formando parte de programas de festas e festivais de cada localidade. Concéntranse desta maneira no mes central do verán arredor da sexta parte das 769 actuacións que o programa destinado á cultura non profesional contempla neste ano 2018 ao que a Deputación da Coruña destina un total de 653.891,70 para as solicitudes tanto de concellos como de entidades sen fins de lucro como comisións ou asociacións veciñais ou sociais. Á convocatoria presentáranse un total de 403 espectáculos de distintas disciplinas artísticas, desde teatro a danza ou música.

Nesta edición da Rede Cultural serán 545 as actuacións concertadas con entidades de compañías que pertencen a 195 agrupacións culturais. Neste caso, serán propostas gratuítas para o público xeral que a Deputación da Coruña subvenciona no 70%. Á cifra sumaranse as solicitadas por concellos que ascenden a un número de 224, sumando o total de 769 actuacións dentro do programa "Alicerces".

"O programa Alicerces dá a medida da vitalidade da cultura de base, con esas máis de catrocentas propostas presentadas nesta edición da Rede Cultural", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei. "Este circuíto de cultura non profesional supón unha maneira de dinamizar e difundir o traballo que están a facer centos de agrupacións e milleiros de persoas, creando cultura que merece e ten que ser apoiada desde unha institución como a Deputación", explica Goretti Sanmartín.

Entre outras propostas, bandas como a Eduardo Pondal, a de Visantoña ou a de Boiro, a Coral Polifónica de Betanzos, o Grupo de Gaitas Cantigas da Terra, A Requinta de Laxeira ou Birimbao Folk son algunhas das propostas que conforman o abano de Alicerces nesta nova edición da Rede Cultural.

Pódese consultar axenda do programa na Rede Cultural na seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/dicoruna-subtel/redcultural/agenda

Páxinas suxeridas