Estás en:Novas

A Deputación da Coruña achega 112.000 euros para a reparación dos tallamares da Ponte Albar no concello de Trazo

O investimento, encadrado no Plan de conservación de vías provinciais, aprobouse no pleno do pasado venres por unanimidade

O deputado de economía e facenda, Antonio Leira, visitou a zona para coñecer os traballos que levarán a cabo na DP 7804.

A Deputación da Coruña achega 112.000 euros para a reparación dos tallamares da Ponte Albar no concello de Trazo

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno do pasado venres un investimento de 112.038,32 euros para a reparación dos tallamares da Ponte Albar no concello de Trazo. O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, visitou a zona para coñecer as obras que se levarán a cabo.

As actuacións no P.Q. 16+000 da DP 7804, que transcorre dende o Val do Dubra ata Santiago de Compostela, inclúen os traballos necesarios para o arranxo dos tallamares da ponte tras os danos producidos polo impacto dun arrastre durante as crecidas do río, o que provocou o desprazamento de varios perpiaños.

Previo ás obras farase un rexistro fotográfico para determinar correctamente todo o proceso e as intervencións que se levarán a cabo, tomaranse mostras e analíticas para determinar o estado de conservación da ponte e realizaranse os planos das alteracións actuais.

O proxecto inclúe a eliminación da vexetación invasora da contorna e a colonización biolóxica, a instalación dunha estada tubular homologada, o saneamento e encintado de todas as xuntas, así como á consolidación estrutural dos tallamares incluíndo a aplicación dun tratamento biocida superficial para a destrución e prevención de algas e microorganismos sobre soportes pétreos.

A citada Ponte Albar, situada sobre o río Tambre, é un ben incluído no catálogo de Patrimonio Histórico-Artístico e etnográfico do PXOM de Trazo, así como no catálogo de Bens Culturais do PXOM do Concello de Santiago. Por outro lado, a ponte está incluída no Inventario de Pontes Históricas de Galicia, de 1989 da Xunta de Galicia.

O prazo previsto para a execución das obras será de catro meses dende o seu comezo.

 

Páxinas suxeridas