Estás en:Novas

Goretti Sanmartín defende o compromiso colectivo polo libro galego

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, participou na inauguración da Feira do Libro da Coruña e reclamou selar "un compromiso colectivo para a aposta polo libro galego". Lembrou que os últimos datos de produción editorial na nosa lingua son un "SOS para activar todos os axentes implicados".

Goretti Sanmartín defende o compromiso colectivo polo libro galego

A inauguración da Feira do Libro da Coruña contou coa presenza, ademais do pregoeiro, o escritor Xabier Senín, da presidenta da Federacíón de Librarías, Pilar Rodríguez, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde, Xulio Ferreiro ademais da vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei que defendeu, de novo, un grande "pacto polo libro galego".

A vicepresidencia botou man dos recentes datos arredor da produción editorial galega e chamou a atención, de maneira especial no descenso de máis de dez puntos da edición de libros na nosa lingua en tan só un ano, e a caída dun 52,4% por cento do número de libros inscritos na nosa lingua entre 2010 e 2016, o que supón un descenso de 1,5 millóns de exemplares, segundo os datos presentados na xornada sobre a Lei do libro e a lectura que se desenvolveu no pasado mes de abril no Consello da Cultura Galega.

"A lei non só está sen desenvolver senón que tamén se está a incumprir e a actual situación do libro galego obriga a incrementar o compromiso de todas as institucións e axentes implicados e defender un dos eixos da nosa cultura como é o libro", sinalou Goretti Sanmartín que lembrou a necesidade de sumar forzas nun pacto que é, segundo dixo, "unha responsabilidade política".

Tomou Goretti Sanmartín a escultura da homenaxe ao libro de Buciños instalada nos Xardíns de Méndez Núñez para, desde ese mesmo espazo, "erguer o libro como un brinde e darlle a volta a unhas cifras que son un SOS que cómpre ouvir".

Na súa intervención, Goretti Sanmartín, lembrou o compromiso coa literatura e co galego de Xabier P. Docampo, o escritor recentemente finado que residía na Coruña e que mostrou en toda a súa traxectoria o amor pola literatura e pola nosa lingua. Docampo foi tamén o protagonista absoluto do emocionante pregón que pronunciou o escritor Xavier Senín.

Páxinas suxeridas