Estás en:Novas

A Deputación licita por preto dun millón de euros as obras de ampliación e mellora da estrada que conecta Valdoviño con Cerdido

As obras contan cun orzamento de 988.738,80 euros e levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 3+000 e 5+600 e o ramal secundario de acceso ao encoro das Forcadas, situado no PK 5+600. A este orzamento súmanse os 159.119 euros que a Deputación destina ás expropiacións dos 83 predios afectados.

A Deputación licita por preto dun millón de euros as obras de ampliación e mellora da estrada que conecta Valdoviño con Cerdido

A Deputación saca a licitación as obras de ampliación e mellora da estrada DP 2502 de Valdoviño a Cerdido, cun orzamento de preto dun millón euros e financiada na súa totalidade con fondos provinciais.

As obras contan cun orzamento de 988.738,80 euros e levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 3+000 e 5+600 e o ramal secundario de acceso ao encoro das Forcadas, situado no PK 5+600. A este orzamento súmanse os 159.119 euros que a Deputación destina ás expropiacións dos 83 predios afectados.

Ampliación da plataforma ata os 9 metros

A calzada actual dispón actualmente dun ancho aproximado de cinco metros, que pasará a 9 metros, coa inclusión dunha sección tipo de dous carrís de 3,50 metros, cada un deles cunha beiravía lateral dun metro de ancho. No caso do vial secundario, o ancho de vía actual é de 4,70 metros e ampliarase ata os 6 metros, colocando cunetas en ambas as dúas marxes.

As obras iniciaranse no lugar do Portedoso (cruce coa DP-7603) e discorrerán polo núcleo rural de Vilaboi (Valdoviño), chegando ata o encoro das Forcadas. Dende o PK 3+000 ata o 5+400 incrementarase o ancho da vía, que discorre por unha zona rural rodeada de terras de labradío e monte. O proxecto recolle tamén a mellora do trazado no tramo que vai do punto quilométrico 3,5 ao 4, co fin de mellorar o percorrido sinuoso de curvas existente na actualidade.

Nos 200 metros que van do PK 5+400 ao 5+600 prodúcese un estreitamento da calzada na beiravía, debido á proximidade das casas á estrada. Neste zona sinalizarase como "paso estreito" e limitarase a velocidade dos vehículos a 50 km/h.

O proxecto inclúe o retranqueo de 25 postes de tendido aéreo eléctrico, 25 postes de formigón con luminaria da vía principal e 12 postes de madeira de telecomunicacións, así como a execución dun muro de contención no PK 4,600, a substitución do sistema de drenaxe da estrada con tubo de formigón nos puntos onde sexa necesario, e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

O prazo de execución é de 6 meses e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o día trece de agosto.

Páxinas suxeridas