Estás en:Novas

A Deputación destina 93.500 euros á mellora da pavimentación da rede viaria do Concello de Santiso

O deputado e responsable da área de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación da Coruña, Xesús Soto, e o alcalde do Concello de Santiso, Manuel Adán López, asinaron un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 93.500 euros para acometer a mellora da rede viaria do municipio santisés.

A Deputación destina 93.500 euros á mellora da pavimentación da rede viaria do Concello de Santiso

Nomeadamente, a Deputación da Coruña sufragará o 80% dunha actuación valorada en 116.875 euros, e coa que se mellorará o estado do camiño ao Castro no cruce con Reboredo, e tamén o acceso ao lugar de Vimianzo. En ambos os dous casos, o proxecto técnico inclúe a reparación das fochancas presentes na calzada con tratamento asfáltico semiprofundo e a mellora da capa de rodaxe mediante a aplicación de cinco centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma.

Ademais, as obras tamén abordarán a limpeza de cunetas e o perfilado de mordentes con grava. Deste xeito, e nun período máximo de seis meses, a veciñanza de Santiso verá arranxada preto de dous quilómetros da súa rede viaria, coa conseguinte mellora para o tráfico rodado e os desprazamentos dos seus usuarios.