Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o labor de Afaes-Porta Nova coa entrega dun vehículo

O vehículo é o primeiro dos 11 que entregará institución provincial ás entidades sen ánimo de lucro dedicadas aos servizos sociais e sociosanitarios na Coruña

A Deputación da Coruña apoia o labor de Afaes-Porta Nova coa entrega dun vehículo

A deputada e responsable da área de Igualdade e Benestar Social da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, e o responsable de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, entregaron esta mañá en Narón á Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Psíquicos (Afaes-Porta Nova), o primeiro dos vehículos cos que institución provincial pretende apoiar ás entidades sen de ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais na mellora da prestación dos seus servizos.
Encadrado dentro do programa FOIEV que promove a Deputación para adquisición e cesión de vehículos, e dotado cunha partida orzamentaria de 373.163 euros, a entrega de hoxe é a primeira das once que realizará nos vindeiros meses a institución provincial.
Na compaña do presidente de Afaes-Porta Nova, Félix Pena, a deputada de Benestar Social, Ánxela Franco iniciou a súa intervención agradecendo o traballo que desenvolven o conxunto de profesionais que integran esta asociación, e apuntou que "colaborar coas entidades do tecido social da Coruña é unha obriga fundamental para a Deputación". Así, subliñou que "contribuír á optimización dos seus servizos é algo que redunda no Benestar da toda sociedade" e lembrou que "todos nós somos potenciais usuarios destas asociacións".
A Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Psíquicos Afeas-Porta Nova naceu no ano 1995 co obxectivo de desenvolver actividades que promovan o benestar das persoas con doenzas mentais nas comarcas do Ferrol, Eume e Ortegal. Así, o conxunto de persoas e profesionais sanitarios que integran esta asociación traballan en prol da recuperación psicosocial e laboral dos enfermos mentais, ademais de apoiar e asesorar aos seus familiares.

Páxinas suxeridas